O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, acompañado polo delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, comproba o resultado das actuacións

Román Rodríguez sitúa a rehabilitación integral do colexio Flavia de Padrón como exemplo da pegada do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica no rural

A Xunta investiu máis de 850.000 euros para reparar a cuberta e mudar a fachada así como reforzar a súa accesibilidade e eficiencia enerxética

Instalouse un ascensor e un aseo adaptado, renovouse o sistema de calefacción e substituíronse luminarias por equipos tipo LED na planta baixa

O investimento en infraestruturas educativas superará o millón de euros en Padrón, xa que tamén está prevista a mellora da cuberta no instituto Camilo José Cela

Padrón (A Coruña), 15 de novembro de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado polo delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá o colexio Flavia de Padrón para comprobar o resultado das obras de rehabilitación integral, que puxo como exemplo da pegada que o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica da Xunta está deixando tamén no rural galego.

 

Como expresou, o Goberno autonómico está a traballar para transformar e adaptar os centros educativos de toda a xeografía galega de acordo cos novos retos tecnolóxicos e ambientais “facéndoos máis confortables, seguros e sostibles”. No caso do colexio de Padrón, a Xunta investiu máis de 850.000 euros para acometer unha rehabilitación integral. En concreto, realizouse a reparación da cuberta e a construción dun novo porche de estrutura de madeira laminada.

 

Tamén se acometeu a rehabilitación da fachada con limpeza da pedra e reparación das xuntas. Do mesmo xeito, leváronse a cabo actuacións para mellorar a accesibilidade e eficiencia enerxética coa instalación dun ascensor e un aseo adaptado así como a renovación da instalación de calefacción incluíndo a substitución dos radiadores e a prolongación da rede de distribución ata a vivenda do conserxe. Ademais, substituíronse luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética, tipo LED na planta baixa.

 

Máis de 190 M€

Román Rodríguez salientou que se trata de actuacións necesarias que tamén chegarán a outro dos centros educativos de Padrón. En concreto, explicou que o Goberno autonómico prevé destinar máis de 425.000 euros para a reforma da cuberta do instituto Camilo José Cela, coa intención de que os traballos se acometan o vindeiro ano. Unhas actuacións que supoñen que a Xunta invista preto de 1,3 M€ en actuacións de mellora en centros educativos de Padrón.

 

Estas obras enmárcase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para modernizar os centros educativos que conta cun orzamento de 191 M€ para o período 2021-2024.

Imaxes relacionadas