A Xunta pon de relevo a importancia da coordinación institucional contra a violencia machista nunha Xornada divulgativa de Diagnose e Boas Prácticas

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, inaugurou na Coruña a sesión de dinamización das Mesas Locais na que participou persoal dos concellos da provincia, dos CIM e axentes dos corpos de seguridade

A Coruña, 15 de novembro de 2022

A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, inaugurou esta mañá na Coruña unha Xornada de divulgación da Diagnose e Boas Prácticas das Mesas Locais de Coordinación interinstitucional contra a Violencia de Xénero promovida pola Secretaría Xeral de Igualdade. A finalidade é incrementar o grao e a efectividade da colaboración no seo destes órganos.

 

Na súa intervención, a delegada puxo en valor este espazo de intercambio e coñecemento sobre boas prácticas na que se deu conta, entre outras, da experiencia da Mesa Local das Pontes, unha das cinco constituídas na comarca. Tamén se recolleron novas accións de intervención que redunden nunha maior transferencia das experiencias entre axentes e administracións.

 

A xornada estivo dirixida ao persoal técnico e político das áreas de igualdade dos concellos da provincia, dos Centros de Información á Muller (CIM), a axentes dos corpos e forzas de seguridade e, en xeral, a representantes dos ámbitos implicados nas mesas.

 

“O obxectivo é contribuír a mellorar a prevención e atención ás mulleres vítimas de violencia de xénero, a través dunha resposta institucional máis áxil e coordinada en todos os aspectos como o sanitario, de protección e seguridade, psicolóxico, residencial ou económico”, puntualizou Martina Aneiros.

 

Actualmente, un total de 14 concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal están adscritos á Rede galega de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero e o 35,7% teñen constituída a mesa local. En concreto, hai cinco mesas municipais nos concellos de Ferrol, Mugardos, Ortigueira, As Pontes e San Sadurniño.

Imaxes relacionadas