Galicia acolle o Congreso Anual de Responsables dos centros 112 de España

Trala obrigada interrupción a causa da covid, a Axencia Galega de Emerxencias encárgase de organizar esta edición do foro, que se celebra desde hoxe ata o xoves
 

Participan responsables dos 112 de todas as comunidades e cidades autónomas, ademais de varios directores de Emerxencias e responsables técnicos
 

O envío masivo de avisos á poboación ou a aplicación da tecnoloxía Localización Móbil Avanzada AML para a mellora da localización das emerxencias son as principais cuestións que se abordarán neste encontro

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2022 Galicia acolle unha nova edición do Congreso Anual do Foro de Responsables de 112 España, que retoma a súa actividade desde hoxe ata o xoves, tras a interrupción por mor da covid-19. Desta maneira, o encontro consolídase como unha oportunidade para os encargados dos diversos centros xestores de emerxencias de toda España, que poñerán en común as experiencias e novos coñecementos adquiridos durante os últimos anos.

 

Mañá mércores, os participantes serán recibidos na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) da Estrada polo director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e polo xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo.

 

Alí tomarán parte nunha reunión de traballo na que se abordarán importantes cuestións relativas á xestión das situacións de emerxencia, como é o estado do recente sistema de avisos masivos á poboación ou o balance sobre a implantación do sistema AML (Localización Móbil Avanzada) nas diferentes comunidades autónomas. 

 

Ademais, o evento contará coa participación por vía conferencia da directora técnica da Asociación do Número de Emerxencia Europeo (EENA), Cristina Lumbreras, con quen analizarán as principais novidades introducidas no continente en relación á recepción, tratamento e xestión das chamadas de emerxencia.

 

Os participantes terán a oportunidade de visitar tamén as instalacións do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia.

 

Finalmente, o xoves día 17, logo de ser recibidos en Santiago de Compostela polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, trasladaranse á Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias (SEDEXPO), que se celebra en Silleda, e na que os participantes porán en común os grandes desafíos aos que se enfrontan os diferentes centros autonómicos.