O director da Casa de Galicia en Madrid presentou a conferencia inaugural que impartiu Andrés Juez Pérez baixo o título ‘Peregrinar por Francia’

A Casa de Galicia acolle esta semana o 'Seminario José Antonio Cimadevila Covelo de Estudios Jacobeos' que organiza a Asociación de Amigos dos Camiños de Santiago de Madrid

Madrid, 14 de Novembro de 2022 A Casa de Galicia en Madrid colabora na celebración do 'Seminario José Antonio Cimadevila Covelo de Estudios Jacobeos' que organiza a Asociación de Amigos dos Camiños de Santiago de Madrid, cuxo obxectivo é ser en Madrid un lugar de reflexión sobre o Camiño de Santiago e toda a realidade diversa que o fenómeno da Peregrinación creou.

 

O director da Casa de Galicia en Madrid, Juan Serrano presentou esta tarde o acto da conferencia inaugural no que tamén interviron, José Antonio Ortiz, director da revista 'Peregrino' e o escritor e peregrino madrileño, Andrés Juez Pérez.

 

Serrano afirmou na súa intervención que aínda que non tivo a ocasión de coñecer ao primeiro presidente da Asociación Cimadevila Covelo, é coñecedor da abnegada labor a favor do Camiño de Santiago. “Cimadevila recreou o Camiño, resucitouno, deulle aires de grandeza e brillo de Historia”, afirmou o director da Casa de Galicia que tamén agradeceu a Ortiz o seu labor á fronte da asociación, “que herdou aquela inspiración, aquel eco glorioso que o compostelán Cimadevila soubo crear e facer realidade”

 

Ortiz, que presentou ao conferenciante aproveitou para agradecer a Juan Serrano e á Casa de Galicia a súa colaboración para levar adiante o seminario, e non dubidou en expresar a súa admiración por coñecer a un alcalde de Portomarín (en referencia a Serrano), pola historia de superación do pobo a beiras do río Miño en Lugo.

 

Na súa intervención, Andrés Juez Pérez relatou aos asistentes a experiencia de percorrer a Vía Tolosana desde Arles (Francia). “Sair da zona de confort, forzar a aprendizaxe dun novo idioma e coñecer outros países e paisaxes foron algúns dos argumentos que me motivou a comezar o Camiño de Santiago en terreo francés”, dixo Andrés Juez.

Imaxes relacionadas