A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asinou un convenio de colaboración co alcalde da localidade

A Xunta e o Concello de Esgos investirán preto de 216.000 € na humanización da contorna da casa cuartel do municipio

Ángeles Vázquez salienta que o Goberno galego destinará 8,6 M€ o vindeiro ano a seguir apoiando os concellos na execución deste tipo de obras, un 23 % máis que o orzamento destinado a tal fin en 2022

Santiago de Compostela (A Coruña), 14 de novembro de 2022 A Xunta de Galicia e o Concello de Esgos investirán preto de 216.000 euros na humanización da contorna da casa cuartel da localidade, segundo o convenio de colaboración asinado esta tarde entre a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde deste municipio ourensán, Mario Rodríguez.

A actuación prevista, que será financiada conxuntamente por ambas administracións, cunha achega da Xunta do 70% e do 30% por parte do Goberno local, ten un prazo de execución de 3 meses. O proxecto pretende facer accesibles as beirarrúas mantendo as cotas, colocando varandas e ampliando a largura. Tamén se revisará o sumidoiro lonxitudinal na entrada dun garaxe, reporase a rega asfáltica e reorganizaranse os espazos peonís e de aparcamento coa creación de zonas verdes e aparcadoiros.

A obra acometerase ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza. 

Desde entón, mobilizáronse ao redor de 163 millóns de euros para o financiamento de máis de 410 iniciativas urbanísticas en decenas de concellos galegos co fin de habilitar ou recuperar equipamentos públicos e poñer en valor as súas contornas urbanas. Ata o momento, só na provincia de Ourense están comprometidas ou xa executadas un total de 164 actuacións.

A Xunta destinará 8,6 millóns de euros o vindeiro ano a seguir apoiando os concellos na execución deste tipo de obras, un 23% máis que o orzamento destinado a tal fin en 2022.

 

Imaxes relacionadas