O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, detallaron hoxe en rolda de prensa todos os informes técnicos e ambientais que sustentan esta actuación, un investimento de 8 M€ en beneficio de máis de 218.000 persoas

A Xunta convoca aos concellos da Coruña e Oleiros para coñecer se apoian ou rexeitan a construción da senda litoral coa pasarela de Oza a Santa Cristina

O Goberno galego ten listo o prego de contratación pero advirte de que coa oposición dos municipios será inviable desenvolver esta iniciativa de fomento da mobilidade sostible nos prazos fixados no programa ‘Next Generation UE’

Francisco Menéndez explica que os criterios impostos polo Goberno de España para o investimento destes fondos extraordinarios obrigan a destinalos a actuacións de transformación da mobilidade en contornos urbanos de máis de 50.000 habitantes

Seleccionouse a senda litoral entre A Coruña e Oleiros para ofrecer unha alternativa sostible ao traxecto pola Ponte Pasaxe, polo potencial servizo aos centros sanitarios e educativos e pola coherencia co plan de mobilidade do Novo CHUAC

Permitirá chegar en menos de 30 minutos en bicicleta a calquera centro universitario da cidade e acceder a 55 liñas de transporte público da contorna

A Coruña, 14 de novembro de 2022 A Xunta convocou hoxe aos Concellos da Coruña e de Oleiros a manter unha xuntanza para abordar o proxecto da senda litoral que inclúe a pasarela de Oza a Santa Cristina co obxecto de coñecer con claridade se apoian ou rexeitan esta iniciativa.  

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, ofreceron hoxe unha rolda de prensa sobre este proxecto, na que detallaron todos os informes técnicos e ambientais que sustentan a viabilidade desta actuación, cun investimento previsto de 8 M€ para beneficiar a máis de 218.000 persoas.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas explicou que a Xunta ten preparado o prego para licitar o contrato de redacción de proxecto e execución das obras da senda litoral entre A Coruña e Oleiros. Sen embargo, advertiu que cómpre coñecer con claridade se os concellos o apoian ou rexeitan, posto que unha postura de oposición pola súa banda faría inviable executalo nos prazos fixados para os proxectos de fomento da mobilidade sostible do programa ‘Next Generation UE’.

Lembrou que esta senda e a pasarela forman un proxecto de mobilidade sostible que cumpre cos requisitos impostos polo Goberno de España para o investimento destes fondos europeos extraordinarios, que só se poden investir en contornos urbanos de máis de 50.000 habitantes.

Tendo en conta estes condicionantes e co fin de aproveitar ao máximo o programa de financiamento, a Xunta estudou diferentes alternativas para transformar a mobilidade na área da Coruña e seleccionou a senda litoral entre Oza e Oleiros co aval dun estudo de mobilidade.

Así,  esta iniciativa permite ofrecer unha alternativa sostible ao traxecto pola Ponte Pasaxe, polo potencial servizo aos centros sanitarios e educativos e pola coherencia co plan de mobilidade do Novo CHUAC.

Menéndez apuntou que, con esta senda, sería posible chegar en menos de 30 minutos en bicicleta a calquera centro universitario da Coruña e que desde ese ámbito se pode acceder ata a 55 liñas de transporte público.

Para garantir a viabilidade da iniciativa dende o punto de vista estrutural  tomouse como referencia a proposta da Fundación Enxeñería Civil de Galicia, pertencente á Universidade da Coruña. A Xunta tamén encargou a elaboración dun informe ambiental, que acredita que a pasarela non afecta a valores naturais protexidos e que a praia de Santa Cristina ten a categoría de “urbana”. Ademais, apúntase que a pasarela podería evitar que aumente a xa notable degradación actual da duna, tal e como fan outras estruturas en espazos naturais protexidos como as Illas Cíes ou A Lanzada.

Ademais, encargou un estudo de dinámica do litoral no que a Universidade de Cantabria analizou o impacto de dúas alternativas diferentes da pasarela, concluíndo que non se afecta os valores naturais nin á biosfera submarina da zona.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas puxo en valor a transparencia seguida pola Xunta no impulso do proxecto, pois remitiu a ambos os concellos toda a información técnica que foi recabando neste proceso e lles ofreceu a oportunidade abordar o asunto en reunións presenciais. O Concello de Oleiros si quixo escoitar as explicacións da Xunta, algo que rexeitou o Concello da Coruña.

Manifestou o desexo do Goberno galego de que non se repita a situación da Vía Ártabra, unha actuación de enorme utilidade para a área da Coruña que permanece bloqueada como consecuencia das accións promovidas desde o Concello de Cambre en contra do seu desenvolvemento.

Os concelleiros de Mobilidade da Coruña e de Oleiros están convocados á xuntanza co director da Axencia Galega de Infraestruturas e co delegado da Xunta na Coruña o vindeiro venres, 18 de novembro, na Delegación Territorial.

Imaxes relacionadas