Este proxecto xa foi abordado entre a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde, José Luis Suárez, nunha reunión de traballo celebrada en setembro

A Xunta adxudica a redacción do proxecto para completar a humanización da travesía de Albarellos na estrada OU-143, no concello de Monterrei

O obxectivo é darlle continuidade ao itinerario rematado o pasado ano, a senda de Albarellos, que supuxo un investimento autonómico de 180.000 euros

O contrato, cun investimento superior os 18.000€, definirá as actuación en case 700 metros desta vía autonómica que é o eixo principal que vertebra o núcleo de Albarellos, prolongando a senda actual e as beirarrúas ata a rotonda da N-525

O novo proxecto terá características coherentes coas obras xa levadas a cabo na primeira fase da senda de Albarellos, que permitiron incrementar a seguridade dos peóns, facilitando desprazamentos máis cómodos e seguros aos veciños

A Xunta segue a traballar na mellora das infraestruturas da rede viaria co fin de proporcionarlles unhas estradas máis seguras e eficientes aos cidadáns

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2022

A Xunta adxudicou a redacción do proxecto para rematar a humanización da travesía de Albarellos, na estrada autonómica OU-143, no concello de Monterrei.

 

O contrato, adxudicado a Inrupre S.L.P por un importe superior aos 18.000 euros, ten como obxectivo darlle continuidade ao itinerario rematado o pasado ano, a senda de Albarellos, que supuxo un investimento autonómico de 180.000 euros.

 

O proxecto para finalizar a humanización da travesía xa foi abordado na reunión de traballo celebrada en setembro entre a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde, José Luis Suárez.

 

O contrato adxudicado hoxe permitirá definir as novas actuacións da Xunta nesta estrada, de titularidade autonómica, que constitúe o eixo principal que vertebra o núcleo de Albarellos.

 

O contrato adxudicado centrarase na redacción do proxecto que completará a humanización da travesía, coa renovación das beirarrúas e a mellora da accesibilidade. Con el deseñarase e definirase o detalle das actuacións necesarias para a prolongación do itinerario peonil, intervindo nos arredor de 700 metros da estrada autonómica OU-143 para prolongar as beirarrúas actuais ata a rotonda da N-525.

 

Máis en concreto, o ámbito de actuación incluirá unha senda e beirarrúa na marxe dereita da OU-143, entre os puntos quilométricos 1+190 e 1+340; e a humanización de ambas as marxes, entre os puntos 1+340 e 1+410 e os puntos 1+740 e 2+270.

 

A actuación completarase coas reposicións de servizos, a renovación de firme e de sinalización que sexan precisas.

 

A nova intervención permitirá completar a actuación en toda a travesía cunhas características coherentes coas obras xa levadas a cabo na primeira fase da senda de Albarellos, que incrementaron a seguridade dos peóns, facilitando desprazamentos máis cómodos e seguros aos veciños.

 

O itinerario peonil actual, de 340 metros, coincide coa traza do Camiño de Santiago, polo que tamén favorece o tránsito de peregrinos que se achegan a Compostela empregando a Vía da Prata. Habilitáronse, ademais, dúas paradas de autobús e instalouse unha nova marquesiña para mellorar o acceso dos veciños ao transporte público.

 

A Xunta continúa traballando pola mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles unhas estradas máis seguras e eficientes aos cidadáns.