O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, acompañado polo delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López, visita as obras no instituto Luís Seoane de Pontevedra

Román Rodríguez subliña a aposta da Xunta pola mellora das infraestruturas educativas na cidade de Pontevedra con dez obras en marcha que suman 10,3 M€

Asegura que todas as actuacións, xa sexan de rehabilitación integral ou de ampliación e modernización das instalacións, como a que se está a acometer no Luís Seoane, teñen como obxectivo “ofrecer un mellor servizo á comunidade educativa”

Sinala que unha das principais preocupacións no contexto actual é afrontar a factura enerxética, polo que os Orzamentos 2023 inclúen un incremento de 7,5M€ para que os centros poidan asumila “sen que isto incida nos alumnos e nos profesores”

Os traballos no instituto pontevedrés contan cunha achega de case 730.000€ para dotalo de máis aulas e servicios asociados

Pontevedra, 14 de novembro de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado polo delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou esta mañá o instituto IES Luís Seoane, onde puxo en valor a aposta do Goberno galego pola mellora das infraestruturas educativas en Pontevedra “con dez obras potentes en marcha en distintas fases que suman uns 10,3M€ de investimento público tan só nesta cidade”.

 

Unha delas é precisamente a ampliación deste instituto, onde o titular de Educación puido comprobar de primeira man a marcha dos traballos, que comezaron en outubro. Trátase dunha intervención á que a Consellería destina preto de 730.000 euros e que permitirá “dotar á comunidade educativa de máis aulas e servizos asociados”.

 

Esta intervención engádese a un abano de proxectos educativos para Pontevedra entre as que cómpre destacar a rehabilitación integral do instituto Valle-Inclán (4,3M€), a ampliación do Centro Integrado de FP Carlos Oroza (2,8M€) ou a rehabilitación integral do instituto Xunqueira I (700.000€), entre outras. “Sexan ampliacións e melloras ou sexan rehabilitacións integrais e enerxéticas, todas teñen como obxectivo ofrecer un mellor servizo á comunidade educativa”, sinalou Román Rodríguez.

 

Neste senso, o responsable autonómico de Educación asegurou que unha das principais preocupacións do Goberno galego no contexto actual é que a situación enerxética non teña repercusións para os cidadáns. De aí que, no ámbito educativo, os Orzamentos de 2023 recollan un incremento de 7,5M€ para que os centros poidan afrontar a factura enerxética “e, deste xeito, quede garantido o confort nas aulas onde conviven diariamente milleiros de alumnos e profesores”, afirmou antes de que engadir que a Consellería está xa traballando nun plan específico para a mellora enerxética. 

 

Ampliación para gañar espazo e mellorar os servizos

As obras que se están levando a cabo no instituto Luís Seoane consisten na incorporación de sete novas aulas de diverso tamaño, así como outros espazos complementarios como almacéns, aseos, vestiarios ou espazos técnicos para dar resposta ao incremento da matrícula e a implantación de dous novos títulos de Formación Profesional: o grao básico de Servizos e Comerciais e a FP Dual de Comercialización de Produtos alimentarios.

 

Para iso, o proxecto contempla, entre outras actuacións, traballos de demolición e de desmontaxe das instalacións de fontanería, saneamento e electricidade. Así mesmo, construirase unha escaleira nova, habilitarase un novo trazado de instalacións de fontanería e de separacións entre salas e instalaranse novos elementos de iluminación, sinalización e control de incendios.

 

Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

Esta obra enmárcase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para transformar e adaptar os centros educativos aos novos retos tecnolóxicos e mediambientais facéndoos máis confortables, seguros e sostibles. O plan cun orzamento de 191M€ para o período 2021-2024.

Imaxes relacionadas