O director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística e a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inauguraron hoxe o evento formativo

Máis dun cento de técnicos urbanísticos de toda Galicia participan esta semana no segundo curso sobre disciplina urbanística organizado pola Xunta

Durante tres días, especialistas do sector público, universitario e xurídico exporán as principais novidades normativas no eido do urbanismo desde un punto de vista práctico e clarificarán a relación entre todos os axentes implicados na defensa do territorio

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2022

Máis dun cento de funcionarios e técnicos da Xunta e municipais participan en Santiago no curso sobre disciplina urbanística organizado pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) en colaboración coa Escola Galega de Administración Pública (EGAP) co fin de garantir a formación continua dos traballadores públicos neste eido. Trátase da segunda edición dun evento que se celebrou en 2021 por primeira vez con gran éxito de participación.

 

Baixo o título Cuestións de actualidade e relacións de colaboración con axentes implicados na disciplina urbanística, o director da APLU, Jacobo Hortas, e a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, inauguraron hoxe o curso, que se centrará na especial transcendencia práctica dalgunha das novidades normativas introducidas na Lei do solo de Galicia así como no relativo ás edificacións fóra de ordenación ou ao réxime das edificacións tradicionais en solo rústico ou de núcleo rural.

 

O curso servirá para avaliar as principais novidades normativas no eido da ordenación do territorio e do urbanismo desde o enfoque da práctica diaria dos axentes implicados. Así mesmo, o programa tentará clarificar as relacións entre suxeitos que operan xuntos neste eido: fiscalía, xulgados e tribunais; administracións territoriais con distintas competencias sectoriais; universidades ou colexios profesionais que velan polo adecuado exercicio das profesións cualificadas para o proceso de urbanización e edificación.

 

Concretamente, na xornada de hoxe os 110 profesionais inscritos na actividade —funcionarios autonómicos da DXOTU e da APLU así como persoal pertencente a algún dos 94 concellos adheridos á Axencia— asistiron a unha charla sobre o réxime de fóra de ordenación pola mañá mentres que a xornada da tarde se centrará no réxime transitorio das construcións existentes antes da entrada en vigor da Lei de Costas sobre terreos actualmente afectados pola servidume de protección marítimo-terrestre.

 

Por outra banda e como novidade este ano, entre os relatores haberá representantes doutras entidades con competencias sectoriais que inciden na ordenación territorial e urbanística e tamén especialistas na materia procedentes do eido da maxistratura e universitario para poder coñecer a súa visión sectorial.

 

Neste sentido, o director da APLU salientou a importancia deste tipo de eventos para obter a visión dos diferentes axentes que colaboran para o exercicio das súas respectivas potestades e competencias en defensa da legalidade territorial, urbanística e da ordenación do litoral en Galicia e compartir experiencias e coñecementos.

Imaxes relacionadas