A Xunta porá en marcha un proxecto piloto de biblioteca móbil en 10 concellos de Lugo

Está en trámite a adxudicación do contrato, cun orzamento de máis de 100.000 euros na provincia, e proximamente asinaranse os convenios coas administracións locais

Realizará distintas rutas en cada municipio e incluirá actividades de dinamización cultural e mesmo servizos de alfabetización dixital para os usuarios 

Lugo, 14 de novembro de 2022

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades porá en marcha a principios do vindeiro ano un proxecto piloto de biblioteca móbil en dez concellos lucenses das comarcas dos Ancares, A Fonsagrada e Sarria.

 

Para a posta en marcha deste programa, a Consellería seleccionoudúas agrupacións de concellos -unha na provincia de Lugo e outra na de Ourense- pola súa proximidade e condicións demográficas similares, quecarecen de servizo bibliotecario nestes momentos ao non ter a obriga legal de contar con el. No caso de Lugo trátase de Baleira, Cervantes, Folgoso do Courel, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Samos e Triacastela, que ocupan unha extensión aproximada de 1.500 qm2 e suman arredor de 10.000 persoas que serán potenciais usuarias do servizo.

 

O obxectivo é prestar un servizo bibliotecario de calidade e versátil nestas áreas caracterizadas pola escasa entidade de poboación ou pola dispersión territorial. Unha furgoneta recalará dous días ao mes en cada concello, un deles na capitalidade e o outro en ruta por algunhas parroquias.

 

Responsables da Consellería reuníronse estes días cos alcaldes na Delegación Territorial de Lugo para explicarlles a iniciativa e comezar a concretala;son os concellos os que elixen as datas nas que queren contar co servizo no municipio e as rutas a seguir.

 

A Xunta está a tramitar a adxudicación do contrato do servizo das dúas bibliotecas, para Lugo e Ourense, que supón un investimento total de 208.000 euros distribuídos practicamente a partes iguais.

 

Paralelamente, proximamente asinará o contrato de colaboración cos concellos, polo que o Goberno galego asume este servizo e as administracións locais prestan apoio loxístico e funcional na definición das rutas e facilitando a instalación en espazos físicos, como recintos feirais ou outro tipo de infraestruturas municipais.

 

 

Ao respecto, cómpre destacar que o programa realizarase en colaboración coas administracións locais, entidades prestadoras de servizos sociais e educativos, tecido asociativo e o público xeral, polo que terán cabida actividades en centros municipais, casas niño ou centros de maiores, entre outros.

 

Múltiples servizos

A biblioteca móbil parte cunha colección de 500 títulos, que inclúen libros, películas, música, xogos físicos e dixitais, ou publicacións periódicas como revistas; pero da acceso ao catálogo doutros centros bibliotecarios de ámbito provincial ou autonómico, que se poden achegar a demanda.

 

Atenderá os servizos básicos de calquera biblioteca: expedición de carnés de usuario, préstamo e devolución, formación de usuarios no manexo do catálogo en liña e GaliciaLe (a biblioteca de préstamo dixital de Galicia), servizo de referencia bibliográfica, especialmente para buscas en Internet, ou prescrición de contidos e recomendacións de lectura.

 

Pero ademais, tendo en conta as características da poboación destinataria, atenderá especialmente aos servizos de alfabetización dixital para as persoas usuarias co obxectivo de reducir a fenda dixital.

 

Igualmente, promoverá o acceso á lectura e á cultura a través das adecuadas accións de dinamización lectora, e levaranse a cabo accións de difusión para dar a coñecer o servizo e achegalo ao público destinatario.

Imaxes relacionadas