O entorno hospitalario e de atención primaria da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés activou o seu Plan de continxencia da gripe 2022-2023

Conta coa aportación técnica e asistencial de profesionais de Atención Primaria e dos servizos hospitalarios de Urxencias, Microbioloxía, Medicina Preventiva, Medicina Interna, Pediatría, Pneumoloxía, Admisión e Prevención de riscos laborais
 

O SERGAS plantexa esta estratexia asistencial xerando unha mínima incidencia no funcionamento hospitalario, con procedementos alternativos á organización habitual, mellora da accesibilidade aos servizos de Urxencias, redución de tempos, etc
 

Todos os casos teñen garantida a asistencia sanitaria no Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés, no Hospital do Salnés e nos centros de Atención Primaria

Pontevedra, 14 de novembro de 2022 A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés ven de activar o seu Plan de continxencia da Gripe 2022-2023 deseñado expresamente polos profesionais sanitarios para a casuística poboacional e asistencial desta comarca nesta época do ano. Dito Plan perfila un protocolo elaborado por un amplo equipo profesional de Pontevedra e O Salnés pertencente á rede de Atención Primaria, xunto cos servizos hospitalarios de Urxencias e Admisión do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e do Hospital do Salnés, os servizos de Medicina Interna, Medicina Preventiva, Pneumoloxía, Microbioloxía e Pediatría, a supervisión e coordinación de Enfermaría, xunto con Prevención de riscos laborais, co que se pretende evitar as consecuencias máis graves debidas á infección, velando pola prevención de abrochos e prevendo picos de demanda nos diferentes dispositivos asistenciais nesta área.

 

O Servizo Galego de Saúde plantexa esta estratexia asistencial aos pacientes con gripe, xerando unha mínima incidencia sobre o funcionamento dos centros hospitalarios, contemplando procedementos alternativos á organización habitual para mellorar a accesibilidade aos servizos de Urxencias, reducindo tempos de acceso e estadía e procurando paliar riscos de transmisión intrahospitalaria da gripe.

 

Áreas específicas nas unidades

No marco do Plan de continxencia da Gripe 2022-2023, os servizos de Urxencias do Hospital do Salnés e do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra habilitarán áreas específicas nas unidades para o manexo dos pacientes con sospeita de gripe e segundo os seus estados clínicos. Xunto coa redistribución destes circuítos, facilitaráse o acceso a Urxencias aos casos que entren con febre, procurando axilizar a súa asistencia e ingreso e facer uso da mascarilla .

 

Ademais das áreas específicas nos servizos de Urxencias, vanse establecer uns criterios de ingreso pactados entre os profesionais, así como un protocolo de atención dos pacientes no andar de hospitalización. Outras das actuacións deste plan de continxencia da gripe son a definición de circuítos asistenciais no servizo de Urxencias de adultos e a modificación do circuíto específico en Pediatría durante a época de gripe; a informatización dos procesos de ingreso, a axilización nos traslados de mostras a analizar, o aumento dos recursos humanos en función da demanda, a mellora nos circuítos de comunicación de resultados e a habilitación de espazos adicionais en caso de que xurdira un abrocho.

 

Atención ás patoloxías en modo axeitado

Ante as cíclicas informacións referentes á actividade dos servizos de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e do Hospital do Salnés, a Área Sanitaria salienta que estes servizos están a atender as patoloxías en modo axeitado, en función da súa urxencia vital.

 

Cómpre sinalar que, dependendo das afluencias en determinados momentos do día, poden rexistrarse picos puntuais nestes servizos. A maior parte das Urxencias atendidas continúan a ser de pacientes pluripatolóxicos de avanzada idade, que precisan máis ingreso do habitual, o que conleva a unha maior ocupación de camas, demanda que se asume diariamente con total garantía asistencial.

 

Membros da comisión prevista no Plan de continxencia da Gripe 2022-2023, integrada por responsables da Dirección e os responsables dos servizos implicados -Urxencias, Medicina Interna, Pneumoloxía, Admisión e puntualmente Medicina Preventiva- continúan a realizar un seguimento e avaliación diarios nas súas xuntanzas técnicas.

 

Incremento de asistencia urxente habitual nesta época

O Servizo Galego de Saúde lembra que o incremento de asistencia urxente nesta época do ano é habitual, ao agudizarse certas patoloxías crónicas en determinados grupos de poboación. Estes casos, xunto coa totalidade deles, teñen garantida a asistencia sanitaria en todo momento no Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés, no Hospital do Salnés e na rede de centros de saúde de Atención Primaria.

 

A maior parte dos pacientes que requiren ingreso -entre un 12 e un 15% da patoloxía que diariamente aténdese nas Urxencias hospitalarias da Área Sanitaria- se están a admitir o mesmo día. No caso das demoras puntuais neste senso, coa tramitación das altas médicas de cada xornada polos servizos de Admisión, os centros hospitalarios asumen de xeito paulatino e gradual o ingreso de novos pacientes.

 

No que atinxe á cobertura de Atención Primaria, todos os efectivos médicos dispoñibles nas listas de contratación están a prestar servizo nestes intres nos centros de saúde da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.