O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades intervén nas VIII Xornadas sobre Tecnoloxía e Solucións para a Automatización Industrial organizadas pola UVigo

Román Rodríguez avoga por intensificar a relación entre o sistema educativo e o tecido empresarial para mellorar a formación integral do estudantado

O titular de Educación do Goberno galego pon de exemplo os bos resultados desa interacción en ámbitos como a Formación Profesional ou os graos duais universitarios, que se comprometeu a seguir impulsando

Vigo, 14 de novembro de 2022 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, avoga por intensificar a relación entre o sistema educativo e o tecido empresarial co obxectivo de contribuír a mellorar a formación integral do estudantado e, deste xeito, “incrementar tremendamente os niveis de inserción laboral dos nosos egresados”.  

Así o sinalou esta mañá con motivo da súa intervención nas VIII Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial (JAI) organizadas pola Universidade de Vigo co fin de que alumnos e docentes actualicen os seus coñecementos en disciplinas de automatización e enxeñería e coñezan, a través de empresas punteiras, as tecnoloxías, solucións e tendencias más modernas neste ámbito. No evento o conselleiro estivo acompañado do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa.  

O titular de Educación do Goberno galego loou que encontros coma este, que apostan polo intercambio entre a universidade e o mundo laboral, “son especialmente enriquecedores e tremendamente beneficiosos para todas as partes” e tamén son “un exemplo do camiño que debemos seguir para obter un sistema educativo e empresarial máis forte”.  

Seguir estreitando a colaboración

Román Rodríguez comprometeuse a, desde o seu departamento, seguir traballando para estreitar a colaboración entre universidade e empresa a través de iniciativas como o incremento de graos e mestrados duais, que combinan docencia académica e proxecto formativo en empresas e institucións colaboradoras.  

Trátase dunha fórmula que tamén se está aplicando na Formación Profesional Dual, onde está reportando moi bos resultados xa que, segundo lembrou, “este tipo de formación foi medrando exponencialmente ano a ano grazas á implicación das empresas ata acadar unhas cifras de empregabilidade que rozan o pleno emprego”. 

Román Rodríguez concluíu a súa intervención agradecendo o traballo dos organizadores para facer realidade este evento apoiado pola Xunta de Galicia e que desde hoxe ata o venres concentran en Vigo máis de 2.000 asistentes entre profesionais e alumnos e 125 empresas participantes.

Imaxes relacionadas