A Xunta activa unha alerta laranxa por temporal costeiro na provincia da Coruña

Agárdase vento do suroeste que poderá superar forza 8 e mar combinada do sur ou suroeste rolando a noroeste con ondas de ata 6 metros


Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese
 

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2022

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta vén de activar unha alerta laranxa por temporal costeiro na provincia da Coruña.

 

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa no noroeste e oeste do litoral da Coruña que comezará ás últimas horas da xornada de hoxe. Agárdase vento do suroeste que poderá superar forza 8 e mar combinada do sur ou suroeste rolando a noroeste con ondas de ata 6 metros. No suroeste da Coruña e nas Rías Baixas a alerta na costa será de nivel amarelo por ventos de forza 7 e ondas de ata 5 metros.

 

Ademais, haberá alerta amarela por precipitacións acumuladas desde esta medianoite e ao longo de toda a xornada de mañá no suroeste da Coruña e nas zonas das Rías Baixas e o Miño na provincia de Pontevedra. Canto ao vento, o nivel de aviso será amarelo por rachas de ata 80 quilómetros por hora en toda a provincia da Coruña, na Mariña lucense e no interior de Pontevedra.

 

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes, paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

 

Acónsellase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.