A Xunta recibe as ofertas de 8 empresas para executar as obras de mellora do saneamento municipal de Cambados, cun investimento autonómico de máis de 1,7 M€

A actuación inclúe a mellora de saneamento no núcleo urbano, con novos colectores, a optimización do sistema na zona do Facho ou a mellora dos bombeos de Fefiñáns e da praza do Concello

Esta intervención é unha das previstas pola Xunta para dar un novo impulso ao saneamento da ría de Arousa

A Xunta xa licitou a mellora do bombeo e colector de Cabanelas, en Cambados e Ribadumia, por máis de 1 M€, para comezar as obras no 1º semestre de 2023

O Goberno galego adxudicou as obras de renovación do sistema de saneamento de Vilagarcía de Arousa, que suporán un orzamento de preto de 10 M€

Este outono comezará a mellora da depuradora de Tragove para duplicar a capacidade de tratamento das augas residuais de Cambados, Ribadumia e Vilanova de Arousa, cun investimento de 5,3 M€

Todas estas intervencións forman parte do Plan de saneamento local da ría de Arousa, que xa está executado por riba do 80%
 

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2022 A Xunta vén de recibir as ofertas de 8 empresas para executar as obras de mellora do saneamento municipal de Cambados, que suporán un investimento autonómico de máis de 1,7 millóns de euros. 

Esta actuación, cun prazo de execución de 15 meses, inclúe a mellora de saneamento no núcleo urbano de Cambados, proxectando novos colectores para crear unha rede separativa en certas cuncas. 

Tamén se prevé a optimización do sistema na zona do Facho con dúas novas impulsións, así como cunha serie de novos colectores. 

A intervención recolle, ademais, a automatización e telecontrol de bombeos principais e a mellora dos bombeos de Fefiñáns e da praza do Concello.  

Impulso ao saneamento da ría de Arousa

Esta actuación é unha das previstas pola Xunta para dar un novo impulso ao saneamento da ría de Arousa. 

No marco destes proxectos, o Goberno galego xa licitou a mellora do bombeo e colector de Cabanelas, nos concellos de Cambados e Ribadumia, cun importe de algo máis de 1 M€.

Estes traballos comezarán no 1º semestre de 2023 para rematalos no vindeiro ano, xa que teñen un prazo de 6 meses. 

A Xunta tamén adxudicou as obras de renovación do sistema de saneamento de Vilagarcía de Arousa, que suporá un orzamento de preto de 10 M€.  

Ademais este outono comezará a mellora da depuradora de Tragove para duplicar a capacidade de tratamento das augas residuais de Cambados, Ribadumia e Vilanova de Arousa, cun investimento de 5,3 M€. 

Todas estas actuacións serán cofinanciadas con fondos europeos do programa Operativo Feder Galicia 2014-2020. 

Cómpre lembrar que todas estas intervencións están enmarcadas no Plan de saneamento local da ría de Arousa, que está executado xa por riba do 80%, ao permitir coñecer en profundidade os sistemas de saneamento municipais e as súas necesidades e programar os proxectos precisos.