A Xunta inviste 504.000 euros na formación dunha vintena de alumnos no Obradoiro dual de emprego que comparten Monfero, Aranga, Irixoa e Vilarmaior

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá as clases onde puxo en valor os obradoiros de emprego dual como exemplo do compromiso do Goberno galego coa xeración de traballo na comarca

A formación, destinada a persoas en situación de desemprego, se imparte na modalidade de Atención sociosanitaria a persoas no domicilio

 

Monfero (A Coruña), 14 de novembro de 2022 A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde de Monfero, Andrés Feal e da xefa territorial de Promoción do Emprego e Igualdade, Judit Fontenla, achegouse esta mañá ao Obradoiro dual de emprego que este municipio comparte, por primeira vez, cos de Aranga, Irixoa e Vilarmaior. 

Este obradoiro, un dos dous concedidos este ano pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade na área e liderados por municipios da comarca -o outro é o Reinicia IX que comparten Ares, Mugardos, Fene e Cabanas- , conta cun investimento de 504.000 euros. Nel fórmanse unha vintena de alumnos -15 mulleres e cinco homes- na especialidade de Atención sociosanitaria a persoas no domicilio. 

A formación teórica, que se imparte estes días na antiga escola unitaria de Irixoa completarase con prácticas nos domicilios dos catro municipios participantes. 

Durante a visita, Martina Aneiros puxo en valor o compromiso da Xunta coa xeración de emprego na comarca e a formación das persoas en situación de desemprego. “Un exemplo diso son os obradoiros duais como no que estades a participar e que está orientado a cubrir as demandas reais do entorno no que se imparte o que permite un índice de empregabilidade máis alto”, destacou.

 

Imaxes relacionadas