A Xunta publica hoxe no DOG o cambio de titularidade a prol do Concello de Xermade de dous treitos antigos das estradas LU-170 e LU-861

Transfírense o treito de 611 metros correspondente co final da LU-170, que comunica Parga e Cabreiros, e un treito de 130 metros na vía autonómica LU-861, que une Vilalba co límite da provincia en Igrexafeita
 

O cambio de titularidade inclúe tamén o dominio público viario asociado a eses dous treitos de estrada
 

A entidade local asume a titularidade destes treitos e terá a responsabilidade da súa conservación e mantemento
 

O decreto producirá efectos desde mañá

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do cambio de titularidade a prol do Concello de Xermade dun treito antigo da estrada autonómica LU-170, que comunica Parga e Cabreiros; e dun treito antigo da LU-861, que une Vilalba ata o límite da provincia en Igrexafeoita. Ambos os dous treitos transfírense xunto co seu dominio público viario asociado.

 

Concretamente, transfírese a titularidade do treito antigo da LU-170, con inicio no punto quilométrico 28+960 da marxe dereita da actual LU-170 e ata o quilómetro 15+510 da marxe esquerda da LU-861, cunha lonxitude de 611 metros aproximadamente, ademais dos 12.189 m2 de superficie do seu dominio público.

 

Tamén se transfire o treito antigo da LU-861, na súa marxe esquerda, entre o punto quilométrico 16+020 e o 16+140, cunha lonxitude aproximada de 130 metros, e a superficie do seu dominio público asociado, 2.553 m2 .

 

A transferencia tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que establece a súa aprobación por decreto da Xunta, a proposta da Consellería competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións implicadas.

 

No seguinte enlace ao DOG pode ampliarse a información relativa a esta transferencia, aprobada na reunión do Consello da Xunta o pasado 27 de outubro: https://acortar.link/BU83ve

 

O decreto ten efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Polo tanto, desde mañá, o Concello de Xermade terá a competencia para actuar nestes treitos e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.

Imaxes relacionadas