A Xunta encabeza desde mañá unha misión comercial a Miami cunha vintena de empresas galegas para seguir estreitando as relacións económicas entre Galicia e EE.UU

O obxectivo é explorar novas oportunidades para o tecido empresarial galego en sectores como o contract, o aeroespacial, o turismo, o agroalimentario, o TIC ou o enerxético, dos que forman parte as empresas que participan na viaxe

O vicepresidente económico tamén terá ocasión de manter reunións tanto no ámbito empresarial como no institucional, como o encontro previsto para mañá luns coa alcaldesa de Miami-Dade, Daniella Levine Cava

Ademais, visitará o Porto de Miami e manterá un encontro cos organizadores da feira tecnolóxica eMerge Américas

As exportacións de Galicia a EE.UU están rexistrando unha tendencia moi positiva ao incrementarse no que vai de ano un 68,4%, ata os 532M€

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2022.- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, inicia mañá unha viaxe institucional de dous días a Miami encabezando unha misión comercial na que participa unha vintena de empresas galegas con intereses de negocio no mercado estadounidense.

 

O obxectivo é seguir estreitando as relacións comerciais entre Galicia e EEUU e explorar novas oportunidades para o tecido empresarial galego en sectores como o contract, o aeroespacial, o turismo, o agroalimentario, o sector TIC ou o enerxético, dos que forman parte as empresas que participan na viaxe e con gran peso na economía do Estado de Florida.

 

EEUU é un destino cara ao que cada vez Galicia exporta máis. Con respecto ao pasado ano, ata agosto incrementouse tanto o número de empresas galegas que exportan a este país (+5,3%, 1.132 firmas), como o valor das operacións que, nos oito primeiros meses do ano, xa é un 62,4% máis que no mesmo período de 2021 (532,71M€ fronte a 328M€).

 

Nese sentido, Miami e o Estado de Florida son a porta de entrada cara ao mercado dos EEUU e toda Latinoamérica e Caribe. A nivel turístico, Miami é o maior porto de cruceiros do mundo e Florida é, ademais, un dos centros loxísticos máis importantes do país cunhas 70.000 empresas operativas nesta industria.

 

Nesta misión comercial, o vicepresidente económico vai manter, tamén, unha axenda institucional e terá ocasión de reunirse, entre outras autoridades, coa alcaldesa de Miami-Dade, Daniella Levine Cava, e co comisionado e presidente do Comité de Recreación, Asuntos Culturais e Turismo, Javier Souto. Ademais, tamén visitará PortMiami acompañado do seu equipo directivo. E manterá sendos encontros con representantes de entidades como a asociación público-privada Entreprise Florida, cos organizadores da feira tecnolóxica eMerge Américas, e co presidente do World Trade Center de Miami, que organiza as principais feiras de comercio do país, Iván Barrios.

 

Será unha viaxe, en definitiva, para seguir consolidando EE.UU como un mercado de referencia para o tecido empresarial galego e para a Marca Galicia.