A Xunta pon en servizo as tres novas zonas de estacionamento do Hospital Naval de Ferrol, logo dun investimento de 662.000 €

En total, son 266 as novas prazas que se poñen á disposición de traballadores e de usuarios, 8 para persoas con mobilidade reducida

Tamén se abrirá o novo viario de uso exclusivo para ambulancias, executado co fin de facilitar os seus movementos e reforzar a axilidade requirida para este servizo

Esta actuación dá continuidade á mellora da accesibilidade e ao reforzo do firme acometidos nos hospitais Marcide, Naval e Novoa Santos, cun orzamento de 198.000€

A intervención enmárcase na renovación da sanidade pública en Ferrol que acomete a Xunta, con 58 M€ destinados especialmente á ampliación do Complexo Hospitalario
 

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2022 A Xunta porá en servizo este luns as tres novas zonas de estacionamento habilitadas no Hospital Naval de Ferrol, unha intervención que supuxo un investimento autonómico de 662.000 € e que se enmarca na gran renovación da sanidade pública da cidade que está a acometer o Goberno galego. 

Este sábado remataron os últimos traballos de pintura e de sinalización horizontal dos novos espazos de aparcadoiro habilitados na zona norte, contiguo ao aparcadoiro actual; no sur; e na marxe esquerda do viario perimetral. 

En total, a actuación levada a cabo pola Xunta co obxectivo de cubrir o déficit de prazas actual no Hospital Naval, permite poñer á disposición de traballadores e usuarios un total de 266 prazas, 8 de las para persoas con mobilidade reducida.  

Ademais, co obxectivo de adaptar o espazo á nova mobilidade sostible, a Xunta tamén ten previsto habilitar puntos de recarga eléctrica, 20 aproximadamente, se ben esta intervención se realizará co contrato conxunto que está a tramitar o Sergas para a instalación de puntos de recarga eléctrica en todos os aparcadoiros das súas instalacións.  

No marco da actuación que vén de rematar, habilitouse un novo viario de acceso de uso exclusivo para ambulancias, que tamén se abrirá mañá, para facilitar os seus movementos, xa que o percorrido circulatorio interno dos vehículos no recinto causaba interferencias que prexudicaban a axilidade requirida para este servizo. 

A intervención acometida pola Xunta permitirá, deste xeito, suplir a falta de prazas de aparcadoiro, ofrecer un mellor servizo aos usuarios e garantir maior fluidez no tráfico, ademais de axilizar a atención sanitaria, co acceso exclusivo para ambulancias. 

Esta actuación dá continuidade aos traballos de mellora da accesibilidade e reforzo do firme levados a cabo hai dous anos nos hospitais Marcide, Naval e Novoa Santos, cun investimento de 198.000 € e enmárcase na gran renovación da sanidade pública de Ferrol que está a acometer a Xunta, cun investimento que supera os 58 M€. 

Esa aposta ten a súa maior expresión na ampliación do Complexo Hospitalario de Ferrol, en cuxas obras se segue a avanzar, pese ás dificultades derivadas, primeiro, da pandemia e, despois, da crise de materiais de subministros. Coa ampliación do Complexo Hospitalario modernizaranse as instalacións e habilitaranse novos espazos, acadando un incremento do 54% da superficie hospitalaria e mellorando áreas prioritarias como urxencias, cardioloxía ou hospitalización. 

Cómpre lembrar, ademais, outra obra complementaria impulsada pola Xunta para dotar de acceso viario o exterior da planta soto -2 proxectada na reforma do complexo hospitalario. Trátase da urbanización da rúa Doadores de Sangue que supón un investimento autonómico de máis de 900.000 €. 

O pasado 7 de setembro, atendendo ao compromiso adquirido de abrir a rúa para o inicio do curso escolar, reabriuse ao tráfico a rúa Doadores de Sangue, tras rematar a primeira etapa da intervención. Os traballos na rúa quedaron desde entón suspendidos ata a primavera, tal e como estaba previsto e de acordo co cronograma das obras, para coordinalos coa intervención da 1ª fase do hospital.

 

Imaxes relacionadas