A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asistiu hoxe a varios encontros multiniveis no marco da COP27

A Xunta pon en valor a gobernanza rexional e local para afrontar os desafíos do cambio climático

Ángeles Vázquez salienta o esforzo que está a facer a Xunta como coordinadora do Pacto das Alcaldías en Galicia
 

Lembra que o Goberno galego está a promover a Alianza polo Clima de Galicia, cuxo obxectivo é unir esforzos para situar á Comunidade á cabeza das rexións europeas na loita contra o cambio climático e que conta xa con máis de 30 entidades adscritas
 

A conselleira intercambiou experiencias e ideas co presidente da Asemblea de Rexións de Europa, Magnus Berntsson

Sharm El-Sheikh (Exipto), 13 de novembro de 2022 A Xunta de Galicia puxo en valor a gobernanza rexional e local para afrontar os desafíos do cambio climático, así como a imprescindible colaboración público-privada.

 

De feito, durante a súa participación na 27ª Conferencia das Nación Unidas sobre o Cambio Climático (COP27), a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asistiu a varios encontros nos que se abordaron diversas ideas para implicar ás administracións rexionais e locais no obxectivo común de acadar a neutralidade climática o antes posible, e aumentar a capacidade para afrontar os efectos do cambio climático.

 

Así, a conselleira, acompañada da directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, participou nun evento organizado polo Comité das Rexións da Unión Europea no que se analizou o papel das comunidades como pedra angular na Acción polo Clima, traballando a nivel local para mellorar a resiliencia a nivel mundial, así como a posibilidade de que os exemplos locais se extrapolen a niveis administrativos superiores. A maiores, abordouse a relevancia de que a experiencia da UE sirva de base para acadar un Obxectivo Global de Adaptación ambicioso, pero, ao mesmo tempo, realista.

 

Pacto das Alcaldías e Alianza galega polo clima

Nesa liña, a conselleira remarcou o compromiso do Goberno galego para promover e apoiar o afianzamento dunha estrutura de gobernanza que involucre ao ámbito rexional e local cara a obxectivos compartidos na mitigación e a adaptación ao cambio climático. E, nesa liña, salientou o esforzo que está a facer a Xunta como coordinadora do Pacto das Alcaldías en Galicia ao incrementar o número de concellos adheridos de 22 en 2017 -ano no que asumiu a coordinación desta iniciativa- aos 285 actuais, dos que 247 xa presentaron os seus Plans de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES).  

 

Cómpre lembrar que a presentación dese PACES é un dos requisitos que asumen os concellos ao adherirse a este Pacto e no cal deben esbozar as accións clave que pretenden acometer con respecto a esta cuestión.

 

No que atinxe á colaboración público-privada, Ángeles Vázquez lembrou que a Xunta está a promover a Alianza polo Clima de Galicia, que ten por obxectivo unir esforzos para situar á Comunidade á cabeza das rexións europeas na loita contra o cambio climático e que conta xa con máis de 30 entidades adscritas, como universidades, empresas, autoridades portuarias e entidades deportivas.

 

Tal e como explicou Ángeles Vázquez, a Alianza galega polo clima supón aliñar as actuacións que realicen coas liñas estratexias decididas anualmente pola Alianza en coherencia cos obxectivos da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050; establecer accións dirixidas á adaptación ou mitigación do cambio climático na Comunidade; fomentar o intercambio de información científica, tecnolóxica, socioeconómica ou xurídica sobre este tema; promover e apoiar a investigación vinculada ao clima, e acelerar o desenvolvemento e a difusión de tecnoloxía para a transición cara a sistemas de enerxía de baixas emisións.

 

Reunión co presidente da Asemblea de Rexións de Europa

No marco da súa participación na COP27, a conselleira mantivo unha reunión co presidente da Asemblea de Rexións de Europa, Magnus Berntsson, con quen intercambiou ideas para potenciar o desenvolvemento e financiamento de proxectos de infraestrutura resiliente ao clima e con baixas emisións de carbono no campo das enerxías renovables e a optimización de residuos.

 
Ademais, dado que Berntsson é tamén conselleiro de Medio Ambiente da rexión de Västra Götaland (Suecia), tamén avaliaron as súas respectivas experiencias e iniciativas en mitigación e adaptación nos seus territorios. Así, Ángeles Vázquez trasladoulle que Galicia está a preparar a súa propia Lei do clima, que será un instrumento clave para avanzar no cumprimento dos obxectivos máis ambiciosos fixados pola Unión Europea neste eido.

Imaxes relacionadas