A Xunta ofrece formación gratuíta sobre como obter financiamento para proxectos de economía social

A actividade, ofrecida pola Rede Eusumo é gratuíta e está dirixida a calquera persoa interesada en emprender ou consolidar a súa actividade neste sector
 

O orzamento da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para o ano 2023 inclúe un investimento de máis de 42 millóns de euros para apoiar a economía social

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2022 A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade ofrece a través da Rede Eusumo unha formación gratuíta en liña de 20 horas sobre os tipos de financiamento ao que poden optar as persoas emprendedoras da economía social.

 

A formación, celebrarase entre o próximo 17 de novembro e o 1 de decembro, e ten na actualidade o prazo de inscrición aberto, que se pode formalizar a través da seguinte ligazón: https://campuseusumo.gal/login/?lang=gl

 

A actividade diríxese a calquera persoa que teña interese en obter financiamento tanto para crear unha entidade como para continuar coa súa actividade.

 

A través de catro módulos, as sesións abordarán nunha primeira parte aspectos básicos acerca desta fórmula de emprendemento e os diferentes modelos dentro da economía social para se adentrar, a continuación nos tipos de financiamento aos que se pode optar e as diferencias coas empresas tradicionais.

 

A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Xunta de Galicia para o fomento e o desenvolvemento da economía social. Ten base en tres obxectivos: fomentar o espírito emprendedor a través da economía social, impulsar o modelo empresarial da economía social no ámbito local e prestar apoio directo á creación e á consolidación de emprego con base neste modelo.

 

A formación constitúe un eixo fundamental no marco das súas actuacións, coas que pretende mellorar as capacidades técnicas das entidades do sector e favorecer a súa competitividade e, por outra banda, divulgar e promover os valores da economía social e as oportunidades que ten no emprendemento.

 

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a reforzar os apoios á economía social coa mirada posta na creación de emprego en cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción. Así, este sector, que non deixa de crecer en Galicia, recibirá 42,3 M€ nos orzamentos deste departamento en 2023, un 21% máis que o ano anterior.