A Xunta destaca a calidade e o bo estado da centola das rías galegas na VII festa gastronómica dedicada a este crustáceo en Lorbé

Oleiros (A Coruña), 12 de novembro de 2022 O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, asistiron hoxe á VII Festa Gastronómica da Centola no porto de Lorbé, unha iniciativa organizada pola confraría de pescadores local co ánimo de promocionar este crustáceo tanto entre veciños como visitantes. O evento tamén serve para homenaxear á frota de artes menores que o captura na zona aproveitando que o pasado luns abriu a campaña nas provincias da Coruña e Pontevedra –en Lugo farao o 28 deste mes–.  

O Executivo galego destaca a calidade e excelente sabor desta especie así como o bo estado biolóxico que presenta en augas galegas, xa que na pasada campaña de 2021-2022 alcanzou rexistros históricos nas lonxas galegas con preto de  700.000 quilos comercializados. Os asistentes á xornada gastronómica de hoxe poden degustar a centola nos restaurantes que participan na festa –Porto de Lorbé, A Escola, Casa Méndez, A Cortiña e A Coviña– ou recollela xa preparada para levar no propio porto.

 

Imaxes relacionadas