O director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística reuniuse esta semana coa rexedora municipal para analizar os resultados da súa colaboración

A Xunta anima ao concello de Gomesende a aprobar o seu primeiro PXOM para reforzar a seguridade xurídica no eido do urbanismo

Cómpre subliñar que este municipio ourensán foi, no ano 2009, un dos primeiros en delegar parte das súas competencias en materia urbanística no órgano autonómico

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2022.-

O director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), Jacobo Hortas, animou ao Concello de Gomesende a continuar coa tramitación do seu novo Plan xeral de ordenación municipal ao entender que se trata dun instrumento clave e moi útil para “reforzar a seguridade xurídica” no eido do urbanismo e, particularmente, no relativo ás infraccións e irregularidades na materia.

 

Así llo trasladou esta semana á alcaldesa, Pura Rodríguez, con quen mantivo unha reunión de traballo para facer un seguimento dos resultados da súa colaboración e tenderlle á man para continuar estreitando lazos nun futuro.

 

Durante o encontro, Jacobo Hortas interesouse polos últimos avances na tramitación do PXOM de Gomesende, que está pendente de aprobación definitiva. Neste sentido e tras felicitar ao Concello polo esforzo realizado nos últimos anos para dotarse do que será o seu primeiro planeamento, o director da APLU lembrou que os concellos cun PXOM revisado e actualizado ao marco normativo vixente dispoñen dunha maior seguridade xurídica, o que supón “un magnífico aliado” contra as irregularidades urbanísticas.

 

Cómpre lembrar que o concello de Gomesende foi un dos primeiros en adherirse á APLU —concretamente, no ano 2009— e polo tanto, é un dos que máis tempo leva con parte das súas competencias urbanísticas delegadas na Xunta.

 

Ademais, recentemente ampliou os termos desta delegación, unha mostra dos bos resultados obtidos durante os seus máis de 10 anos de relación coa Axencia, nos que a actitude tanto do Goberno local como dos técnicos municipais foi sempre de cooperación absoluta e participación activa , tal e como sinalou o director.

 

Unha figura crucial para concellos pequenos

Tras lembrar a importancia que ten a Axencia para entidades locais de menos de 5.000 habitantes como Gomesende, onde a delegación de competencias se estende a calquera tipo de obras e usos do solo, aínda que non estean suxeitos a licenza, Jacobo Hortas trasladoulle á alcaldesa a posibilidade de elevar consultas á Axencia, segundo o disposto no propio convenio de adhesión, ou de facelo a través da nova Xunta Consultiva en materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo, recentemente creada polo Goberno galego.

 

Neste sentido, subliñou que os técnicos da APLU están á disposición de todos os municipios adheridos co fin de tratar de resolver calquera dúbida ou necesidade que poida xurdir, así como para ofrecerlles formación especializada e actualizada ao seu persoal.

Imaxes relacionadas