A Xunta apoia o encontro de voluntarios de protección civil da provincia de Pontevedra no marco do seu compromiso cos servizos de emerxencias locais

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o subdirector de Planificación e Protección Civil, José Antonio Grandas, asistiron ao acto no que foron recoñecidos polo seu labor a prol destes colectivos


O Goberno galego leva investidos 18M€ para o funcionamento e equipamento dos grupos de Protección Civil a través de distintas axudas
 

Mondariz (Pontevedra), 12 de novembro de 2022

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe no encontro de voluntarios de Protección Civil da provincia de Pontevedra, un evento que conta co apoio da Xunta no marco do seu compromiso cos servizos de emerxencia locais. A xornada arrincou coa entrega de recoñecementos a distintos profesionais, entre os que estiveron Santiago Villanueva e o subdirector de Planificación e Protección Civil, José Antonio Grandas.

 

Nos seus agradecementos polo galardón, Villanueva e Grandas referíronse á satisfacción que representa apoiar desde as súas funcións o “imprescindible labor dos servizos de emerxencias dos concellos”, entre os que destacan as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC). O obxectivo é darlles resposta ás súas necesidades e facilitar o seu traballo en servizo da cidadanía, con distintas axudas ao seu funcionamento e ao equipamento.

Así, só nos orzamentos de 2023 destinarase 1 millón de euros á dotación do equipamento necesario, unha contía que se suma ao investimento histórico de 24 millóns de euros desde 2009. A maior parte -máis de 14 millóns de euros- corresponde a equipamento cedido aos voluntarios de Protección Civil, aos que a Xunta tamén apoia nos seus gastos de funcionamento con outros 4 millóns de euros.

Deste xeito, a Administración autonómica corresponde con máis de 18 millóns de euros á dedicación altruísta deste colectivo para velar pola seguridade da cidadanía, constituíndo un piar fundamental no mapa de emerxencias da comunidade. De feito, en moitas ocasións as agrupacións son as primeiras en chegar ao lugar das incidencias ademais de realizar actividades de prevención.

Material cedido

Entre o material cedido aos concellos neste período, tanto para agrupacións de Protección Civil como Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES), inclúense 208 vehículos todoterreo, 187 remolques de emerxencias, 123 tendas de campaña de emerxencias, 98 esparexedores de sal, 70 embarcacións, 65 furgóns de emerxencias e 23 de servizos varios, 34 equipos de excarceración, 43 coitelas quitaneves, 21 motobombas, 4 UTV e 212 equipos de protección individual contra a vespa velutina.

No caso concreto das AVPC, destacan 182 vehículos tipo pick-up e 170 remolques de emerxencias xunto con material específico para facer fronte ás emerxencias nos concellos de montaña onde son frecuentes nevaradas e nos costeiros ou con encoros.