A Xunta avanza na execución da ampliación do Complexo Hospitalario de Ourense, compatibilizando as obras coa recolocación dos espazos e os servizos do hospital

Progrésase no desaloxo do mobiliario, desmonte de teitos e demolición de tabiquerías na planta soto-1 do Materno-infantil e ultímanse os traballos nas áreas das antigas cociñas, cafetería e comedores, para a súa demolición para executar a unidade de Medicina Nuclear
 

Na zona do novo edificio de hospitalización, tras a retirada da antiga pasarela de unión do edificio Xeral co Materno Infantil e dos accesos ás antigas Urxencias e peiraos de carga, realizáronse os desvíos de servizos afectados e estase agora coas escavacións
 

Procedeuse ao corte e demolición dos forxados dos edificios Xeral e a antiga cafetería, así como na galería enterrada, muros e cimentacións afectados por implantación do novo edificio, analizándose o terreo para montar a guindastre nesta segunda quincena de novembro
 

O Goberno galego destina 52,6 M€ a esta actuación que inclúe a construción dun novo edificio de hospitalización e a reforma do Hospital Materno, así como a mellora dos accesos
 

Estas intervencións permitirán dispoñer dunha área pediátrica con 38 camas; de neonatoloxía, con UCI; ou dotar o complexo de áreas de radioloxía, diálise, hospitalización obstétrica, con 56 camas, e hospitalización convencional, con 280 camas

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2022 A Xunta segue a avanzar nas obras de ampliación do Complexo Hospitalario de Ourense, compatibilizando os traballos coa recolocación dos espazos e os servizos que permiten o funcionamento do hospital.

 

Neste momento están xa moi avanzados os traballos de desaloxo do mobiliario, desmonte de teitos e demolición de tabiquerías na planta soto-1 do Materno-infantil. Tamén se realizou o desmonte, as desconexións, os desvíos e a anulación das instalacións afectadas, nas áreas das antigas cociñas, cafetería e comedores. Unha vez desocupadas estas zonas, procederase á súa demolición, xa que nese espazo implantarase a nova unidade de Medicina Nuclear.

 

Na zona do novo edificio de hospitalización, tras a retirada da antiga pasarela de unión do edificio Xeral co Materno Infantil e dos accesos ás antigas Urxencias e peiraos de carga, realizáronse os desvíos de servizos afectados e avánzase agora coas escavacións.

 

Tamén se procedeu ao corte e demolición dos forxados dos edificios Xeral e a antiga cafetería, así como corte e demolicións da galería enterrada, muros e cimentacións existentes afectados pola implantación do novo edificio, situando a escavación na cota de cimentación da nova edificación. Ademais, está analizándose o terreo para dimensionar a zapata do guindastre para executala e poder montar a infraestrutura nesta segunda quincena de novembro.

 

En paralelo, séguese avanzando coas inspeccións estruturais do Edificio Materno, así como a inspección e rexistro do resto de instalacións e servizos afectados pola ampliación, nas que foi posible acceder sen interromper a dinámica normal do servizos sanitarios.

 

Para o traslado de espazos, están a instalarse os módulos de vestiarios de persoal provisionais para poder habilitalos nos próximos días.

 

Actuación estratéxica cun investimento de 52,6M€

O Goberno galego destina un investimento de preto de 52,6 millóns de euros a esta actuación estratéxica para a provincia de Ourense, que ademais xerará case 1.000 empregos.

 

As obras, cofinanciadas con fondos europeos FEDER, consisten na construción dun novo edificio de hospitalización e na reforma do actual Hospital Materno Infantil, ao tempo que se melloran os accesos.

 

En total, vaise actuar sobre 33.000 m², dos cales máis de 19.000 serán de reforma e preto de 14.000 m² de nova construción, incrementando a superficie construída do hospital nun 11% ata superar os 136.000 m².

 

O novo edificio de hospitalización terá 12 plantas e disporase entre o oeste do antigo edificio Materno Infantil e o Hospital Cristal.

 

No Hospital Materno Infantil levarase a cabo unha reforma integral, para a súa posta en valor e mellora da funcionalidade, conservándose só a súa estrutura.

 

Unha vez realizadas estas actuacións permitirán poñer á disposición dos veciños de Ourense unha área pediátrica con 38 camas; área de neonatoloxía, con UCI pediátrica; e zona de urxencias pediátricas e de urxencias obstétricas, entre outras. Ademais, tamén se dotará o complexo de área de radioloxía, de diálise, hospitalización obstétrica, con 56 camas, e hospitalización convencional, con 280 camas.

 
As actuacións forman parte do proxecto de futuro para a sanidade pública de Ourense, que supuxo poñer en marcha no que vai de lexislatura investimentos por máis de 80 M€, entre obras e novos equipamentos, no hospital público desta cidade.

Imaxes relacionadas