A Xunta aposta pola diferenciación dos produtos do mar galegos para impulsar a súa internacionalización

Ourense, 11 de novembro de 2022 O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, destacou hoxe en Ourense a aposta da Xunta pola diferenciación e promoción dos produtos do mar para impulsar a súa comercialización. Así o sinalou no acto central do Día do Mar na 23ª edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar, onde subliñou que a presenza en eventos como Xantar é clave para potenciar a difusión da calidade dos peixes e mariscos de Galicia.

 

Neste cometido, engadiu, tamén é de gran valor o emprego de etiquetas de denominación de orixe protexida ou distintivos como o selo de calidade pescadeRías, entre outros. Ademais salientou o importante papel das campañas de promoción como GALICIA SABE AMAR, que está presente no expositor que ten a Consellería do Mar nesta feira. Alí a Xunta tamén dá a coñecer a calidade dos peixes e mariscos galegos con accións como unha decena de degustacións na Aula do Mar desta feira. A Consellería do Medio Rural tamén conta cun espazo neste certame e realiza distintos talleres e actividades para promocionar os produtos agroalimentarios galegos.

Imaxes relacionadas