A Xunta ultima a licitación da redacción dos proxectos para ampliar o polígono de Santa Comba

O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo reuniuse hoxe coa rexedora municipal para pechar os detalles da nova delimitación, que terá unha superficie de ao redor de 204.000 metros cadrados e se desenvolverá dividida en dúas fases

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2022 O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e solo (IGVS), Heriberto García, e a xerente da empresa pública Xestur, María Doporto, reuníronse esta mañá coa alcaldesa de Santa Comba, María Josefa Pose, para pechar os últimos detalles administrativos necesarios para impulsar a ampliación do parque empresarial desta localidade coruñesa.

 

Na xuntanza analizáronse aspectos tales como a distribución e o tamaño que deberán ter as parcelas da nova delimitación prevista así como as súas conexións exteriores viarias, de saneamento, abastecemento, electricidade, gas e telecomunicacións.

 

Unha vez pechados e acordados estes detalles previos, o próximo paso será a licitación por parte de Xestur do contrato para a redacción do Plan estruturante de ordenación de solo empresarial, e dos proxectos de urbanización, de delimitación de fases e de parcelación. De feito, o orzamento da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para 2023 inclúe unha dotación de máis de 186.000 euros para financiar estes traballos.

 

A ampliación proxectada no parque empresarial de Santa Comba terá unha superficie aproximada de 204.000 metros cadrados e está previsto que se desenvolva dividida en dúas fases.

Imaxes relacionadas