Román Rodríguez salienta o bo arranque da campaña do Bono Cultura da Xunta que leva mobilizados máis de 200.000 € na súa primeira semana

No Día das Librerías, o conselleiro de Cultura visita a librería Cronopios e fai balance dos primeiros días da iniciativa de descontos do Goberno autonómico

Subliña que hai xa máis de 500 empresas adheridas e anima ao sector a seguir sumándose xa que o prazo para os profesionais está aberto ata o 14 de novembro

Os descontos poden empregarse na compra de libros, música, películas en formato físico, entradas para museos, cines, concertos ou espectáculos escénicos, entre outros

Pontevedra, 11 de novembro de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, salientou hoxe o bo arranque que está a ter a campaña do Bono Cultura da Xunta que, na súa primeira semana, leva mobilizados máis de 200.000 euros nos máis de 500 establecementos adheridos ata o de agora.

 

Nunha visita a Cronopios durante o Día das Librerías, destacou que a resposta está a ser “moi satisfactoria e demostra unha vez máis o interese dos galegos por gozar da cultura”. Como indicou, a día de hoxe son un total de 533 os establecementos de toda Galicia que están adheridos á iniciativa, gran parte deles librarías, pero tamén tendas de música, cines ou museos, entre outras.

 

Animou a que os profesionais sigan sumándose, xa que teñen ata o 14 de novembro para facelo a través de www.bonocultura.gal e lembrou que se poden unir as persoas físicas ou xurídicas que teñan como obxecto da súa actividade a venda de produtos e bens culturais en Galicia. Inclúense as salas de cine, teatros e auditorios, salas de concertos, salas de exposicións, os museos, casas-museo, así como asociacións, entidades e fundacións de carácter cultural, tanto públicas como privadas, que ofrezan produtos culturais, entre outras.

 

Variedade de produtos

Román Rodríguez tamén animou aos 20.000 galegos que xa teñen o Bono Cultura a empregalo nos distintos establecementos participantes. Recordou que cada usuario rexistrado ten un bono por valor de 50€ e en cada compra obterá un desconto do 50%, que poderá gozar ata o 31 de decembro tantas veces como desexe ata esgotar o crédito dispoñible.


Poden empregarse para a compra de produtos como música gravada en CD ou vinilo, produtos audiovisuais como películas ou series en formato físico, libros ou videoxogos, entradas para calquera tipo de institución cultural (museos, casas-museo...) ou para salas de cine, concertos de música e espectáculos escénicos, entre outras.

 

Máis de 100 millóns para a Cultura

Destacou tamén a importancia desta medida, que se suma á unha batería de iniciativas postas en marcha polo Goberno autonómico para o impulso da cultura galega que se reforzará o vindeiro ano. Neste sentido salientou que o orzamento de 2023 supera os 100 millóns de euros e permitirá impulsar programas para avanzar na reactivación e crecemento das industrias culturais e creativas galegas.

 

Como dixo, as contas atenderán a todos os sectores (musical, audiovisual, artes escénicas e plásticas...) e tamén aos museos, bibliotecas e arquivos. Neste senso, explicou que a Administración autonómica manterá firme o seu compromiso e apoio ao sector do libro a través de distintas liñas específicas de axudas para impulsar a dinamización da lectura, tradución de obras, adquisición de novidades editoriais e subvencións ás empresas editoriais que superan os 2M€ neste 2022.

 

Ademais, continuarase dando apoio a festivais de música, audiovisuais e de artes escénicas, á programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, ao Centro Dramático Galego, con dúas producións propias para o vindeiro ano, e o desenvolvemento do Plan de Danza, entre outras accións.

Imaxes relacionadas