A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse hoxe cun dos responsables da Dirección de Investigación e Innovación da Comisión Europea

A Xunta recolle achegas na COP27 para enriquecer a futura Lei do clima de Galicia e adaptala ao reto global de acelerar a redución das emisións GEI

Ángeles Vázquez avanza en Exipto que remitirá o novo proxecto normativo ao Parlamento a comezos de 2023, co obxectivo de que poida aprobarse antes do verán

Como segunda rexión española en enerxías renovables, a Comunidade busca lograr unha posición de liderado no hidróxeno limpo, un dos sectores con máis futuro

Galicia participa no seu primeiro evento no marco da iniciativa comunitaria Misión de Adaptación, á que se sumou oficialmente o pasado mes de setembro para compartir experiencias e buscar sinerxías con outras rexións sobre adaptación ao cambio climático e sobre hidróxeno verde e sistemas enerxéticos oceánicos

Sharm El-Sheikh (Exipto), 11 de novembro de 2022 A Xunta asistiu durante a súa primeira xornada na Conferencia das Nacións Unidas sobre cambio climático de Exipto (COP27) a varios eventos e reunións nos que se expuxeron ideas e proxectos innovadores centrados nos grandes retos a nivel global tanto no eido da adaptación como no das transformacións enerxéticas necesarias para acelerar a redución dos gases de efecto invernadoiro (GEI), dous aspectos clave que se abordarán na nova Lei do clima de Galicia.

Neste sentido, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, recolleu ao longo da mañá numerosas achegas e suxestións que axudarán a enriquecer o contido da normativa autonómica, na recta final da súa elaboración e que, tal e como avanzou a conselleira, a Xunta prevé remitir ao Parlamento a comezos de 2023 co obxectivo de sometela á súa aprobación antes do verán.

Así, participou no evento Perspectivas do informe sobre a brecha de emisións 2022, no que se abordaron as iniciativas máis recentes e innovadoras en materia de mitigación e se propuxeron sinerxías interrexionais co obxectivo común de acelerar as transformacións necesarias a nivel enerxético e industrial para reducir as emisións GEI.

A reunión central da xornada, en todo caso, foi con Matthijs Soede, membro da Dirección de Investigación e Innovación da Comisión Europea e director e máximo responsable da Misión de Hidróxeno Limpo, un sector en auxe e que resultará clave a futuro para alcanzar as metas de descarbonización económica e industrial fixadas a nivel global.

Durante a xuntanza, a conselleira trasladoulle a aposta decidida que está a facer o Goberno galego para avanzar nesta dirección e facilitar que os principais sectores económicos da Comunidade introduzan nos seus procesos produtivos novos combustibles polo seu dobre beneficio: o aforro e a redución dos gases contaminantes.

En concreto e como experto en hidróxeno verde ou limpo, a conselleira convidou a Matthijs Soede a visitar Galicia para coñecer as súas características e potencialidades, ao tempo que compartiu algúns detalles sobre os principais proxectos da Xunta neste eido. Tras sinalar que se trata do combustible do futuro, trasladoulle que será unha peza clave na estratexia de descarbonización galega, na que se fará unha forte aposta polas novas tecnoloxías coa previsión de investimentos por un importe global de preto de 2.000 millóns de euros e a posible creación de ao redor de 1.000 postos de traballo.

Cómpre subliñar que Galicia xa é a segunda comunidade española en enerxías renovables, un fito aínda maior tendo en conta que representa menos do 6% da superficie de todo o país, pero, ademais, está traballando para lograr unha posición de referencia e liderado no sector do hidróxeno limpo grazas a media ducia de proxectos innovadores para os que a Xunta aspira a captar fondos europeos co fin de garantir a súa viabilidade.

Primeiro contacto coa Misión de Adaptación

Por último, a conselleira e a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, asistiron tamén en nome da Xunta ao evento organizado na COP27 por Climate KIC sobre a Misión de Adaptación polo Clima, unha iniciativa cuxo obxectivo é apoiar ás comunidades para acelerar a súa transformación cara á resiliencia climática, prestándolles axuda para comprender, prepararse e xestionar mellor os riscos ligados a este fenómeno.

Galicia adheriuse á Misión de Adaptación o pasado mes de setembro tras ser seleccionada a súa candidatura por parte da Comisión Europea e, de feito, este foi o primeiro evento internacional no que participou como membro oficial desta iniciativa, que contribuirá a que manteña unha posición de vangarda a nivel comunitario neste eido.

 

Imaxes relacionadas