A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, participou na inauguración do ‘Encontro do Noroeste’, organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia en colaboración coa Confederación de Empresarios de Castela e León, a Federación Asturiana de Empresarios e Empresas de León
A Xunta celebra a disposición do empresariado de Galicia, Asturias e Castela e León a liderar a reivindicación dun plan director do Corredor Atlántico e dun transporte competitivo para o noroeste
O Goberno galego e as asociacións de empresarios do noroeste demandan un Comisionado do Corredor Atlántico que ofreza a interlocución necesaria co territorio, así como a súa inclusión no plan de autoestradas ferroviarias
Ethel Vázquez traslada o apoio da Xunta ás demandas de que na revisión do regulamento europeo da Rede Ten-T se inclúan na Rede Básica os tramos de Ourense-Vigo-Coruña e que se amplíen ás liñas Ferrol-Coruña-Lugo e Vigo-Porto, así como que os portos, especialmente Vigo, pasen a ter consideración de Básicos
Remarca que o fito da inclusión do noroeste peninsular no Corredor Atlántico se debe traducir na modernización da rede ferroviaria, aproveitando as fontes de financiación comunitaria
Destaca que a Xunta sempre será un interlocutor válido e disposto a abordar con lealdade proxectos para mellorar as infraestruturas e servizos que incrementen a competitividade das empresas e o benestar dos cidadáns
Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2022 A Xunta celebra a disposición do empresariado de Galicia, Asturias e Castela e León a liderar a reivindicación dun plan director do Corredor Atlántico e un transporte competitivo para o noroeste.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, participou hoxe na inauguración do ‘Encontro do Noroeste’, organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia en colaboración coa Confederación de Empresarios de Castela e León, a Federación Asturiana de Empresarios e Empresas de León.
Vázquez Mourelle subliñou que é preciso un Plan Director de Corredor Atlántico, un Comisionado que ofreza a interlocución necesaria co territorio e que se inclúa o noroeste nas autoestradas ferroviarias.
Puxo en valor a unidade que veñen amosando Galicia, Asturias e Castela e León para conseguir o logro histórico da inclusión do noroeste peninsular no Corredor Atlántico.
Subliñou que esta alianza tamén aspira a que a revisión do Regulamento Europeo que establece os niveis da Rede Ten-T confirme e reforce o peso do noroeste. O Goberno galego apoia as demandas para incluír na Rede Básica os tramos de Ourense-Vigo-Coruña e que se amplíen ás liñas Ferrol-Coruña-Lugo e Vigo-Porto, así como que os portos especialmente o de Vigo, pasen a ter consideración de Básicos.
Remarcou que ademais cómpre que este logro se traduza na modernización da rede ferroviaria, aproveitando as fontes extraordinarias de financiación comunitaria.
A este respecto, referiu un recente estudo do Clúster de la Loxística de Galicia que sinala que o transporte e almacenaxe representan o 12,52% do produto interior bruto de Galicia.
Precisou que aínda que sempre se necesitará o transporte por estrada, o ferrocarril é clave por razóns ambientais, xa que, por exemplo, os desprazamentos de 1.000 km reducen nun 90% as emisións de CO2, e económicas, pois supón custos inferiores.
Para acadar estes obxectivos, destacou a necesidade de mellores infraestruturas que permitan trens máis grandes, subir camións ao tren quitándoos da estrada en largos percorridos e vías eficientes que cheguen aos principais nodos de transporte.
Neste contexto, reiterou que a Xunta sempre será un interlocutor válido e disposto a abordar con lealdade e colaboración os proxectos destinados a mellorar as infraestruturas e os servizos que incrementen a competitividade das empresas e o benestar dos cidadáns.
Citou como exemplos de proactividade nesta materia os estudos realizados polo Goberno galego para favorecer o impulso da Saída Sur de Vigo ou a propia Estratexia das Infraestruturas Loxísticas.