Lorenzana blinda ante o Consello das Mulleres o compromiso da Xunta nos próximos anos polo benestar laboral, a corresponsabilidade e o liderado feminino

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade asistiu hoxe un novo plenario do Consello Galego das Mulleres

Deu conta da aprobación do VIII Plan estratéxico de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027, o III Programa muller e ciencia 2022-2025 e o I Plan galego contra a trata 2022-2024

O Goberno galego está a ultimar un novo plan de conciliación e, no marco dos traballos do Consello, estuda a realidade da corresponsabilidade nos fogares galegos

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2022

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe un novo plenario do Consello Galego das Mulleres, ante o que informou de tres importantes fitos acadados este 2022 a favor da igualdade que guiarán as actuacións da Xunta de Galicia nos próximos anos. Puxo en valor, así, a aprobación do VIII Plan estratéxico de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027, o III Programa muller e ciencia 2022-2024 e o I Plan galego contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual 2022-2024.

Lorenzana referendou que o Goberno da Xunta de Galicia está a fixar un marco de compromiso que situará a igualdade como motor de progreso social e económico, afianzando a transversalidade de xénero, a colaboración interinstitucional, o impulso efectivo da conciliación e a corresponsabilidade, o apoderamento da muller na ciencia e outras áreas e a súa protección ante a lacra da trata con fins de explotación sexual.

Estas medidas entroncan, tal e como relatou, coa nova Lei de igualdade de mulleres e homes que o Goberno galego está a elaborar co obxectivo de seguir a avanzar no benestar laboral, loitar contra as discriminacións múltiples e os ataques sexistas á muller e consolidar a aposta pola formación profesional e o emprego feminino de calidade.

Nos próximos anos a promoción da conciliación e a corresponsabilidade serán claves para acadar un verdadeiro benestar laboral, especificou a conselleira. A Xunta de Galicia está a completar a avaliación do I Plan galego de conciliación e corresponsabilidade 2018-2021, que servirá como base para o deseño do II plan que lle dará continuidade ata o ano 2025.

Na mesma liña, o Consello Galego das Mulleres está a elaborar un estudo sobre corresponsabilidade en Galicia, en concreto, sobre a repartición do traballo doméstico e de coidados. Esta iniciativa permitirá obter información acerca dos usos do tempo e o reparto de responsabilidades nos fogares galegos.

Imaxes relacionadas