O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades visita o centro para comprobar o resultado da rehabilitación integral

Román Rodríguez destaca un investimento de preto de 845.000 € para mellorar a eficiencia enerxética do colexio Infante Felipe de Borbón, en Salvaterra

Lembra que a Xunta está a deseñar un plan para optimizar o consumo e avanzar no compromiso co benestar da comunidade educativa e o medio ambiente

Desde 2017 investíronse máis de 112M€ en obras para reducir as emisións

Os Orzamentos de 2023 inclúen un incremento do 7,5M€ para que os centros fagan fronte á factura enerxética

A Xunta investiu desde 2009 máis de 2,3M€ en obras nos centros do concello de Salvaterra de Miño

Salvaterra de Miño (Pontevedra), 11 de novembro de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou esta mañá o colexio CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón, onde comprobou o resultado das obras de rehabilitación integral desenvolvidas neste centro por importe de preto de 845.000€. O groso da actuación xa está finalizada. Só quedan pequenos remates que estarán listos o mes que vén.

 

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia explicou que esta é unha das actuacións desenvolvidas polo seu departamento para mellorar a eficiencia enerxética dos colexios galegos. “Desde 2017 investimos máis de 112M€ en obras para a redución de emisións e aforro enerxético nos centros educativos, o que supón un aforro enerxético medio do 45%, tanto en kwh/m2 como en emisións de CO2”, indicou.

 

A obra enmárcase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para transformar os centros educativos ás novas necesidades pos pandemia, e que conta cun orzamento de 191M€ para o período 2021-2024. O 40% do orzamento do plan está destinado a actuacións de sustentabilidade e eficiencia enerxética, 31M€ neste ano 2022.

 

Román Rodríguez salientou, ademais, que a Xunta está a traballar no deseño dun plan de mellora enerxética “que permita optimizar o consumo dos centros e, deste xeito, seguir avanzando neste compromiso coa comodidade e o confort da comunidade educativa, ao tempo que o conxugamos co respecto ao medio ambiente”.

 

Lembrou, así mesmo, que na actual situación de inflación descontrolada a Consellería vai incrementar nos Orzamentos 2023 os gastos de funcionamento que transfire aos centros educativos para facer fronte á factura enerxética. Serán 5M€ máis, unha suba do 7,5%, “para evitar que a alza dos prezos repercuta no benestar da comunidade educativa”, destacou.

 

Rehabilitación integral

A actuación realizada no colexio CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón contemplou obras para a mellora da eficiencia que permitiron reducir nunha medida do 60% o consumo de enerxía.

 

Para acadar estes fitos, aplicouse illamento térmico nas fachadas e no forxado baixo cuberta, renovouse a carpintería exterior na totalidade do edificio de Infantil e nalgunha unidade do edificio principal e mudáronse as luminarias dos dous edificios por equipos de alta eficiencia enerxética. Así mesmo, instalouse un novo equipo térmico de biomasa en substitución do equipo de gasóleo para dar servizo aos dous edificios.

 

Acometéronse, ademais, mellora complementarias. Así, no edificio de Infantil renováronse os falsos teitos, cambiáronse os anteparos de madeira por tabiques de xeso laminado e pintouse e abrillantouse o terrazo.

 

No edificio principal colocáronse paneis fonoabsorbentes nas aulas sen falso teito do edificio principal, puliuse e abrillantouse o pavimento de terrazo, pintáronse os teitos, cambiáronse as portas interiores e instalouse un novo porche na entrada. A maiores, mellorouse a accesibilidade mediante a instalación dun ascensor e reforma dalgúns dos aseos.

 

Esta actuación eleva a máis de 2,3M€ o investimento da Xunta de Galicia en melloras en centros educativos do concello de Salvaterra de Miño desde 2009. Cómpre destacar que máis da metade deste montante (1,3M€) destináronse ao colexio de Salvaterra mentres que uns 550.000€ foron para a ampliación do instituto. Así mesmo a Consellería destinou outros 308.000€ á rehabilitación e reparación da cuberta da Casa do Pobo para o seu uso como Casa da Música.

Imaxes relacionadas