Trenor informa que a Xunta financiará con máis de 3,6 M€ 90 cursos de formación a persoas desempregadas da cidade da Coruña co foco posto nas áreas que demandan man de obra

Os centros de formación profesional para o emprego poderán cualificar máis de 1.350 persoas da cidade da Coruña


Priorízase a oferta de cursos en áreas con demanda de traballadoras e traballadores como a industria 4.0, as competencias dixitais ou a atención sociosanitaria
 

Persoas en ERTE e con discapacidade física, psíquica ou sensorial serán destinatarias preferentes da oferta formativa


A Xunta de Galicia está a situar a cualificación profesional no centro da axenda política no marco da estratexia ‘Xempre Contigo’ que busca mellorar o índice de empregabilidade e estabilidade do mercado laboral galego
 

A Coruña, 11 de novembro de 2022 O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, informou que Xunta financiará con 3,6 millóns de euros un total de 90 accións que se impartirán en 2022 e 2023 en centros ou entidades de formación da cidade da Coruña  coa finalidade de mellorar a cualificación de 1.350 persoas desempregadas. O representante do Goberno galego informou da resolución destas Accións Formativas dirixidas a  Desempregados (AFD) durante unha visita ao centro de Iniciativas Profesionais (CIP)

O Goberno galego segue a apostar con esta medida pola formación flexible, coa teleformación e a aula virtual como modalidade de impartición.

Nos cursos son colectivo prioritario as persoas afectadas por ERTE, así como as galegas e galegos con discapacidade física, psíquica ou sensorial. Poden tomar parte nestas accións -cun tope do 30% de participación- persoas traballadoras ocupadas sempre que as prazas non se cubran con desempregados.

A Xunta quixo primar na actual convocatoria as accións formativas que tratan de anticipar a formación ao novo modelo produtivo, coa mirada posta nos sectores máis innovadores e á oferta formativa dirixida a persoas desempregadas con baixa cualificación.

A formación, así, porá o foco en competencias clave ou especialidades para obter certificados de profesionalidade. A convocatoria deste ano pon o acento en temáticas con maior demanda ou perspectivas de emprego con prioridade para contidos relacionados coa industria 4.0, competencias dixitais e áreas que demandan man de obra: atención sociosanitaria, instalacións solares, socorrismo e salvamento, xestión contable ou restauración, entre outras. Ofrécese como novidade, ademais, un módulo transversal de formación en prevención de riscos laborais que capacitará ás persoas participantes para o desempeño de funcións de nivel básico neste eido.

Desde o ano 2014 o Goberno galego leva financiadas por valor de case 253 millóns de euros, un total de 5.374 cursos nos que tomaron parte cerca de 67.000 persoas. A media de inserción durante este tempo acadou o 60%, co que 6 de cada 10 persoas que participan nas accións formativas para desempregados conseguen a súa meta obter un contrato no mercado laboral.

O programa, financiado con fondos finalistas do Ministerio de Educación e Formación Profesional, insírese no Plan galego de Formación para Emprego, dotado para o presente ano con 117 millóns de euros, o que supón máis do 77% con respecto ao exercicio anterior.

‘Xempre Contigo’, para mellorar a empregabilidade

Este conxunto de actuacións atopan o seu encaixe cun dos obxectivos que está a desenvolver a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade no marco da estratexia Xempre Contigo: mellorar o índice de empregabilidade e estabilidade de galegas e galegos a través da cualificación profesional por medio dunha formación flexible e adaptada aos cambios do mercado laboral.

 
 

Imaxes relacionadas