A Xunta destaca que os Premios Zendal contribúen a que Galicia cumpra co seu compromiso co benestar das persoas

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, asistiu esta tarde en Vigo á terceira edición do certame, no que se recoñeceu un proxecto para o control das bacterias multirresistentes, unha vacina canina, así como o labor da plataforma One Health e do doutor Ángel Carracedo

Asegura que apostar pola I+D+i é a resposta e a oportunidade para alcanzar todos os retos do contexto actual
 

Vigo, 10 de novembro de 2022 O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, destacou esta tarde en Vigo, durante a entrega dos III Premios Zendal, que estes galardóns fan posible que Galicia cumpra co seu compromiso co benestar social das persoas. 

Neste sentido, lembrou que unha das prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia é orientar os esforzos da I+D+i cara aos retos da sociedade en eidos como a saúde, pero tamén na alimentación e o envellecemento activo.
O obxectivo é facer da Comunidade un lugar de referencia mundial para o desenvolvemento e proba de novas oportunidades científico-tecnolóxicas.
 

Tal e como explicou, Galicia -que é a segunda Comunidade máis bioemprendedora de España- conta coa Estratexia de consolidación do sector biotech, á que se destinan 430 millóns de euros de fondos públicos ata 2025. O Goberno galego ten claro que apostar pola I+D+i é a resposta e a oportunidade para alcanzar todos os retos do contexto actual, polo que se seguirá traballando na colaboración público-privada e no impulso dun marco de desenvolvemento profesional atractivo na Administración galega que estabilice a carreira investigadora. 

O vicepresidente primeira felicitou ao Grupo Zendal por esta iniciativa que dá visibilidade ao labor dos investigadores e puxo en valor os traballos premiados: un proxecto para o control de bacterias multirresistentes, unha vacina contra a leishmaniosis canina, o labor da plataforma One Healht e a traxectoria do doutor Ángel Carracedo.