A II Xornada da Calidade no Control Oficial aborda a presentación do novo manual de acollida do persoal de inspección en saúde pública

Organizada pola Escola Galega de Saúde Pública e a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, a xornada reuniu a expertos en calidade e na inspección de saúde pública

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2022 A Consellería de Sanidade acolleu hoxe a II Xornada da Calidade no Control Oficial, na que se presentou o novo manual de acollida do persoal de inspección en saúde pública.

 

Organizada pola Escola Galega de Saúde Pública e a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde e dirixida a persoal do ámbito do control oficial, a xornada reuniu a expertos en calidade e acreditacións ISO.

 

A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, foi a encargada de inaugurar os relatorios, no que lembrou que a calidade na Saúde Pública é un dos catro eixes transversais da estratexia de Saúde Pública, que á súa vez ten como liñas mestras a integración da calidade en todos os procesos, a promoción da formación do persoal, co papel primordial da Escola Galega de Saúde Pública, recentemente formada e a acreditación nas normas de calidade vixentes.

 

Nesta II Xornada tratáronse as principais novidades que atinxen á calidade, como o estado da acreditación pola norma ISO 17020 da inspección de saúde pública ou o novo procedemento de supervisión. Así mesmo, a xornada acolleu a presentación do novo plan de formación e o manual de acollida do persoal de inspección en saúde pública de nova incorporación.

 

Tamén, na orde do día abordouse a experiencia na acreditación desde o ano 1998 do Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, neste caso coa norma ISO 17025 recordando como foi o proceso de acreditación e as vantaxes que este tipo de acreditacións de calidade ten de garantía para os profesionais e a cidadanía.

 

A xornada completouse coa intervención dun experto en capacidade comunicativa e obtención de resultados persoais e profesionais, así como a visión dunha especialista en calidade asistencial da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria.

Imaxes relacionadas