Galicia presenta en Barcelona o I Plan de Igualdade do Servizo Galego de Saúde

O SERGAS participa no I Congreso de Igualdade e Recursos Humanos de Servizos Públicos de Saúde
 

Actualmente, o 77% das medidas do I Plan de Igualdade xa están implantadas ou en proceso de desenvolvemento

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2022 No día de hoxe, a directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana María Comesaña Álvarez, participou no I Congreso de Igualdade e Recursos Humanos de Servizos Públicos de Saúde, organizado pola Dirección de Persoas do Instituto Catalán da Saúde, en colaboración co Consorcio de Saúde e Social de Cataluña e a Unión Catalá de Hospitais, e celebrado do 9 ao 11 de novembro en Barcelona.

 

No devandito Congreso, a directora xeral de RRHH do Sergas presentou os avances realizados no I Plan de Igualdade entre mulleres e homes no Sergas (2021-2024). O Plan de Igualdade, que conta co apoio de todas as organizacións sindicais con representación na Mesa Sectorial de Sanidade (CIG, CCOO, CSIF, SATSE e UGT), integra seis eixos de acción que abarcan o acceso ao emprego e provisión de prazas; condicións de traballo e promoción profesional; formación, información e sensibilización; tempo de traballo, corresponsabilidade e conciliación; atención a situacións de especial protección, como violencia de xénero, acoso sexual e discriminación por razón de sexo e da orientación ou identidade sexual; e medidas transversais para integrar o principio de igualdade na organización.

 

A Directora xeral salientou que, actualmente, o 77% das medidas xa están implantadas ou en proceso de desenvolvemento, como, por exemplo, as conferencias e outras accións de sensibilización en materia de igualdade e loita contra a violencia de xénero,a guía informativa para traballadoras en situación de violencia de xénero, a formación básica en igualdade adaptada á linguaxe fácil e dirixida ao persoal con discapacidade intelectual, a uniformidade adaptada traballadoras embarazadas, e a análise con perspectiva de xénero do Pacto de Selección Temporal. Así mesmo, destaca que máis de 29.000 profesionais da organización xa están formados en igualdade e contra a violencia de xénero.

 

Ademais, Ana Comesaña tamén presentou o Plan de atención e apoio ao persoal da sanidade, que se puxo en marcha durante a pandemia da COVID e que se estrutura en tres eixos: comunicación interna e escoita activa, recoñecemento do labor dos/as profesionais, e coidado emocional e acompañamento psicolóxico.

 

No marco deste Plan leváronse a cabo múltiples accións como o Programa de Equipos saudables e o de Transformación directiva, nos que se realizaron intervencións con 152 profesionais de UCI e 140 directivos, respectivamente. Tamén recibíronse máis de 19.000 mensaxes de agradecemento da cidadanía; programáronse 12 conferencias para promover o autocoidado emocional, que tiveron máis de 37.000 visualizacións, e en marzo de 2022 puxéronse en marcha catro cursos de autoformación nestas materias nos que hai xa máis de 24.200 matriculacións. Tamén destaca o programa de apoio e acompañamento psicolóxico, que conta cun equipo especifico en cada área sanitaria e que leva máis de 300 intervencións co persoal.

 

Finalmente, a directora xeral de RRHH participou na mesa redonda sobre Medidas de emprego e condicións de traballo, na que se puxo en evidencia a común preocupación polo déficit de especialistas de medicina familiar e comunitaria, salientando as medidas implantadas en Galicia para poder aportar solucións ante esa realidade.

Imaxes relacionadas