A Xunta colabora coa Fundación Eugenio Granell para mellorar a conservación e depósito dos seus fondos

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2022 O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visitou hoxe en Santiago a Fundación Eugenio Granell, entidade coa que a Xunta de Galicia colabora para optimizar os seus recursos, na mellora dos seus sistemas de depósito e na creación dunha nova base de datos específica. Faino a través do programa de axudas dotado con 200.000 euros para reforzar o labor das entidades locais e sen ánimo de lucro titulares de museos, coleccións ou centros de interpretación.

Na súa visita, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades salientou que esta axuda se suma á colaboración habitual da Xunta con este museo para axudar no seu funcionamento e actividades de difusión. Coñeceu, ademais, os novos equipamentos adquiridos pola Fundación Eugenio Granell para conservar e manipular de xeito máis eficiente os seus fondos, entre os que se atopan documentación de correspondencia, artigos escritos polo propio Granell, exemplares de prensa escrita e documentación relativa á pintora Amparo Segarra.

 

Imaxes relacionadas