A Xunta inicia os trámites para declarar a Factoría do Deporte Galego-galicia Sports 360 de Interese Autonómico

Resalta que o proxecto do Real Club Celta de Vigo vai máis aló do ámbito municipal e terá “transcendencia en toda a Comunidade”
 

A iniciativa defende a idea do deporte como unha actividade de interese público que coadxuva ao crecemento e á cohesión social, á igualdade de xénero, a mellorar o benestar dos cidadáns e ao desenvolvemento do conxunto da Comunidade
 

Subliña que o obxectivo é converter a Galicia nun referente “na formación, investigación e industria do deporte”
 

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2022

  O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello acaba de dar luz verde ao proxecto de acordo polo que inician os trámites para declarada proxecto de interese autonómico a Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360, impulsado polo Real Club Celta de Vigo (RC Celta) no Concello de Mos. A previsión, segundo apuntou, é que o proceso hoxe aberto remate “entre xullo e setembro” do vindeiro ano.

Rueda resaltou que esta iniciativa “transcende o ámbito municipal, comarcal e provincial” e terá “transcendeia en toda Galicia” co obxectivo de convertela “nun referente na formación, investigación e industria do deporte”.

A declaración deste proxecto de interese autonómico faise de acordo co previsto na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia. En concreto, o título I desta lei desenvolve o contido da ordenación do territorio e os instrumentos de ordenación do territorio, entre eles, os proxectos de interese autonómico, que se configuran como instrumentos de intervención directa na ordenación do territorio da Comunidade Autónoma, que teñen por obxecto planificar e proxectar a execución inmediata de actuacións que transcenden o ámbito municipal pola súa incidencia territorial, económica, social ou cultural, a súa magnitude ou as súas singulares características que as fagan portadoras dun interese supramunicipal cualificado, que non teñan previsión nin acomodo no planeamento urbanístico.

Rueda avanzou que a Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360, do RC Celta, contará con tres agrupacións de infraestruturas: a Cidade Deportiva Afouteza, o Centro Integral para a Capacitación da Industria do Deporte e, por último, a área de servizos-espazo Arena. Deste xeito, tanto polo ámbito estritamente deportivo competitivo como pola súa vertente económica e de desenvolvemento, este proxecto, que trascende o ámbito municipal, defende a idea do deporte como unha actividade de interese público que coadxuva ao crecemento e á cohesión social, á igualdade de xénero, a mellorar o benestar dos cidadáns e ao desenvolvemento do conxunto da Comunidade Autónoma, fortalecendo o carácter transversal do feito e sistema deportivo galego.

Tres infraestruturas relevantes

A Cidade Deportiva Afouteza consiste nun conxunto integrado de edificacións e instalacións ao servizo do deporte coa finalidade de dotalo da infraestrutura necesaria tanto para as esixencias da preparación de alto rendemento e seguimento dos deportistas das categorías de fútbol profesional do club como para a promoción, fomento e formación das novas xeracións de deportistas. “Ademais permitirá impulsar a creación do equipo de fútbol feminino do Celta”, valorou Rueda, quen explicou que, coa apertura da Cidade Deportiva Afouteza, o club reservará paras as mulleres as actuais instalacións da Madroa.

No referido ao ámbito formativo, concorre no proxecto presentado segundo o reflectido na memoria, unha concordancia de obxectivos cos programas de desenvolvemento do deporte de base realizados dende a Administración autonómica, e cuxa mais recente mostra son os Núcleos de Adestramento Deportivo Especializado, NADE. Dada a dimensión deportiva do RC Celta, o labor de fomento deportivo, especialmente no ámbito do deporte de base e do deporte feminino, transcende da área metropolitana de Vigo e da propia Comunidade Autónoma.
 
Paralelamente, o proxecto conta tamén conta cunha importante presenza das vertentes educativa, de innovación e de desenvolvemento do sistema deportivo, e principalmente centrados no Centro Integral para a Capacitación da Industria do Deporte, que será un centro dinamizador e modernizador do seu tecido empresarial que sexa un referente non só na comunidade autónoma ou no noroeste peninsular, senón no ámbito nacional e internacional, e un investimento estratéxico para o seu futuro.

O proxecto significará ademais a contratación dunha gran cantidade de novo persoal para a xestión, a dinamización das actividades e o mantemento das novas instalacións, sendo o Centro Tecnolóxico da Innovación no Deporte, un dos espazos que máis se beneficiará desta nova oportunidade de emprego por ser totalmente de nova creación e pola súa propia natureza.

Por último, a Área de Servizos, principalmente centrada no Edificio Arena, destinado a eventos deportivos cunha capacidade apuntada de ata 10.000 espectadores, e no que se recollerán, entre outros, espazos de ocio deportivo indoor, expositivos, ou de restauración e tendas deporte e merchandaising.

En definitiva, a declaración de interese autonómico converte a ‘Factoría do Deporte Galego – Galicia Sports 360’ nun proxecto cun interese supramunicipal cualificado que vai máis aló do ámbito deportivo. A Factoría do Deporte Galego conta coa capacidade para ser un complexo indispensable e necesario que fortaleza a industria do deporte en Galicia e promova o seu desenvolvemento. A dinamización e modernización do tecido empresarial galego posibilitará que o proxecto sexa un referente non só na Comunidade Autónoma ou no noroeste peninsular, senón no ámbito nacional e internacional, así como un investimento estratéxico para o futuro. Preténdese así a creación dunha sede dun nodo de tecnoloxía do deporte a semellanza doutros xa implantados en Europa, do que actualmente carece Galicia.

 

Imaxes relacionadas