Luis López destaca a aposta de Extrugasa pola innovación e a internacionalización para liderar a extrusión de aluminio a nivel mundial


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra fixo unha visita institucional ás máis de oito hectáreas de instalacións que a empresa galega ten na parroquia de Campaña

“Extrugasa é un perfecto exemplo do sector industrial moderno e referente internacional que temos en Galicia e que ademais ten unha importancia estratéxica pola forte de xeración de riqueza e porque sostén empregos nun concello rural”, sinalou o representante autonómico
 

Valga, 10 de novembro de 2022 O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, destacou a aposta da empresa Extrugasa pola innovación, a internacionalización, o deseño e aplicación da tecnoloxía para liderar a extrusión de aluminio a nivel mundial.

“Estamos ante un grupo de referencia no ámbito internacional no tratamento e deseño do alumnio que é un perfecto exemplo do moderno sector industrial, coñecido e recoñecido en todo o mundo, que temos actualmente en Galicia. E ademais ten unha importancia estratéxica para a nosa terra pola forte xeración de riqueza e porque sostén decenas de empregos nun concello que, aínda que moi cercano a Santiago e a Pontevedra, é eminentemente rural”, sinalou o representante autonómico.

O delegado territorial louvou o traballo e a evolución de Extrugasa nunha visita realizada este mediodía, xunto ao concelleiro de Catoira responsable de relacións coa Xunta, Iván Caamaño, ás máis de oito hectáreas de instalacións que a empresa ten na parroquia de Campaña. Durante o percorrido, guiado polos responsables da firma, amosouse todo o proceso produtivo, coa aplicación de maquinaria e tecnoloxía, para a extrusión de aluminio.

“Despois de visitar decenas de empresas en toda a provincia, quero destacar a fortaleza, innovación, inxenio e capacidade do sector industrial e empresarial galego, do que, ademais do emprego, temos que agradecer o seu posicionamento mundial e que sempre exerce de embaixador da nosa terra. E neste ámbito líder hai que colocar a Extrugasa, que traballa á vangarda dos acabados, os deseños, as tendencias, pero tamén a fiabilidade e a máxima calidade, no sector do aluminio”, explicou o representante galego.

Finalmente, Luis López tamén destacou a “impecable e crecente traxectoria” de Extrugasa dende as súas orixes na década dos sesenta baixo o nome de Galipan e, dende 1981, coa actual denominación. “Cando levas corenta anos medrando, mellorando e tratando de superarte nun sector tan competitivo como o industrial, só se pode dicir que es un exemplo cheo de traballo e capacidade”, concluíu.

Imaxes relacionadas