O Goberno galego autoriza a licitación das obras da primeira fase da Cidade de San Caetano en Santiago, cun investimento de máis de 33,8 M€

Rueda destaca que a Xunta prevé licitar “inmediatamente” as obras, que comezarán na primavera cun prazo de execución de 18 meses, ocupando os terreos da antiga estación de autobuses de Santiago

Resalta que o novo edificio administrativo será exemplo de funcionalidade, condicións de traballo e eficiencia enerxética: “Será un edificio enerxéticamente autónomo”

Executaranse os dous primeiros módulos do edificio, con sete unidades administrativas e capacidade para arredor de 700 traballadores, nunha superficie útil de 12.172,93 m2

O edificio configúrase mediante un esquema en espiña de peixe cun vestíbulo xeral que conecta os distintos usos e niveis, dando acceso aos dous bloques, entre os que se disporá un patio interior con arboredo

Esta intervención terá continuidade nunha segunda fase, o que permitirá dispor dun novo edificio con 4 bloques de uso administrativo

A Cidade de San Caetano ofrecerá un mellor servizo á cidadanía, un espazo de traballo de maior calidade para os traballadores públicos e suporá un aforro de gasto público en alugueres de máis de 1,1 M€ ao ano

Tamén suporá unha mellora urbana na contorna, coa urbanización dos espazos contiguos á nova edificación para garantir a súa funcionalidade
 

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2022.-

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello autorizou na súa reunión semanal a contratación das obras da primeira fase do edificio administrativo Cidade de San Caetano nos terreos da antiga estación de autobuses de Santiago de Compostela, que suporá un investimento de máis de 33,8 millóns de euros. “Vanse licitar inmediatamente co obxectivo de que comecen en primavera e terán unha duracion de 18 meses”, explicou.

 

Rueda indicou que con esta actuación se impulsa a ampliación do actual complexo administrativo da Xunta, cun triplo obxectivo: ofrecer un mellor servizo á cidadanía; un espazo de traballo de maior calidade para os traballadores públicos e acadar un importante aforro de gasto público en alugueres. “Calculamos que podemos aforrar máis de 1,1 M€ ao ano centralizando aquí instalacións que estaban noutras dependencias, moitos traballadores neste mesmo edificio sen espazos axeitados en outros en alugueres”, resaltou.

 

Nesta primeira fase executaranse os dous primeiros módulos do edificio, con sete unidades administrativas e capacidade para o contorno de 700 postos de traballo, que poderá ser maior ou menor en función da disposición derradeira e das unidades administrativas que se instalen. O edificio é flexible na súa configuración interior, cos seus respectivos espazos de instalacións, almacéns e arquivos. Contará cunha superficie construída de 13.147,73 m² e unha superficie útil de 12.172,93 m².

 

O edificio configúrase mediante un esquema en espiña de peixe cun vestíbulo xeral que conecta os distintos usos e niveis dando acceso aos dous bloques, entre os que se disporá un patio interior con arboredo.

 

Contará con catro andares, dous por baixo e dous por riba da cota de acceso principal desde a praza Camilo Díaz Baliño. O interior de cada un dos bloques distribuirase lonxitudinalmente en dúas bandas funcionais: cara ao sur, unha oficina aberta con fachada acristalada e lamas de formigón de compoñente vertical; cara ao norte, contará con despachos pechados e salas de reunións, configurando unha fachada de formigón en branco, con ocos e miradoiros puntuais.

 

A cimentación do edificio resólvese mediante pilotes no muro oeste, zapatas corridas baixo os muros, zapatas illadas baixo piares e soleira ventilada. Emprégase unha estrutura mixta de formigón armado (branco no caso de que quede visto) e aceiro.

 

As cubertas principais, onde se aloxan elementos de instalacións nun dos seus laterais, resólvense cunha solución axardinada.

 

A obra que se licitará recolle, ademais, unha actuación integrada de edificación e reurbanización do espazo público da contorna inmediata. É especialmente relevante a urbanización do espazo entre o novo edificio e as instalacións do servizo de bombeiros, que se reserva para que no futuro se poida executar a segunda fase do edificio administrativo, con outros dous bloques, pero que quedará á disposición dos cidadáns como espazo público ata ese momento.

 

O presidente da Xunta resaltou que se busca tamén que o novo edificio administrativo Cidade de San Caetano sexa un exemplo en canto á funcionalidade, condicións de traballo e eficiencia enerxética, polo que no seu deseño prima a eficiencia enerxética: Nearly Zero Building. “Será un edificio enerxéticamente autónomo”, aclarou Rueda, no que se prevé unha instalación de xeotermia e paneis solares fotovoltaicos na cuberta.

Tamén está deseñado para ser un edificio máis seguro fronte á Covid-19, con espazos deseñados cunha moi boa ventilación, polo que as unidades de tratamento de aire terán a capacidade de funcionar sen recircular aire, “algo que aprendemos na pandemia”.

 

O novo complexo de San Caetano

Esta actuación terá continuidade no futuro cunha segunda fase, na que o novo edificio se ampliará ata contar cun total de catro bloques de uso administrativo. Todo iso conectado horizontal e verticalmente por espazos de circulación. A superficie construída final prevese que poderá alcanzar un total de 26.897,76 m² construídos.

 

A execución da Cidade de San Caetano implica tamén a mellora urbana na contorna, como é a urbanización dos espazos inmediatamente contiguos á nova edificación que garantan a súa funcionalidade.

 

De modo inmediato e complementario a esta actuación, estase a deseñar a reurbanización da rúa Rodríguez de Viguri, de forma que sexa coherente e complete as actuacións executadas e previstas nesta zona.

 

Con esta intervención, dun lado, adecuarase a rúa ao novo edificio administrativo e darase continuidade á urbanización levada a cabo no treito anterior de Rodríguez de Viguri. Por outro lado, dotarase dos refuxios definitivos necesarios para o transporte que dá servizo aos traballadores públicos. Ademais, será o punto de partida da senda ciclista que unirá San Caetano coa estación intermodal, Conxo, o Hospital Clínico e O Milladoiro, que se está a impulsar.

 

A medio prazo, traballarase para adecuar toda a contorna do complexo administrativo, integrando nel o novo edificio, propoñendo unha reurbanización da praza de Camilo Díaz Baliño e reorganizando tamén o tráfico e a mobilidade en xeral. Este traballo, xunto co deseño da segunda fase do complexo administrativo e os usos no espazo do actual edificio de bombeiros e ata as escaleiras existentes na contorna, no lateral da antiga estación, serán obxecto dun proxecto de interese autonómico que se tramitará nos vindeiros anos.

 

Cómpre lembrar que a Xunta rematou a comezos deste ano as obras de demolición da vella terminal de autobuses de Santiago, unha vez executada a nova terminal e trasladados os servizos de autobuses á estación intermodal. Unha actuación de demolición que supuxo un investimento autonómico de 1,4 M€.

 

Imaxes relacionadas