O conselleiro do Medio Rural asistiu hoxe á inauguración do restaurante Vértigo, impulsado por Bodegas Regina Viarum
A Xunta investirá o ano que vén ata 1,5 M€ en materia de seguros agrarios para explotacións vitícolas asociadas a Denominacións de Orixe
Outros 5,4 millóns de euros destinaranse en 2023 a promocionar os produtos galegos de calidade mediante feiras ou campañas
José González gabou o novo establecemento de Regina Viarum como fórmula para gañar adeptos non só aos viños da denominación de orixe Ribeira Sacra, senón ao mellor da gastronomía galega
Nesa liña, cabe lembrar que se está a tramitar a futura Lei da calidade de Galicia, mentres avanza a aplicación da Lei de recuperación da terra agraria e a Estratexia de dinamización das comarcas vitivinícolas
A Xunta investirá o ano que vén ata 1,5 millóns de euros en materia de seguros agrarios para explotacións vitícolas asociadas a denominacións de orixe. Deste xeito, protéxense os nosos viñedos dos fenómenos meteorolóxicos extremos que, ademais, veñen afectando especialmente a Ribeira Sacra.
Son datos que se poñen en valor co gallo da inauguración do restaurante Vértigo, impulsado por Bodegas Regina Viarum, onde o conselleiro do Medio Rural, José González, estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e á que tamén asistiu a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro.
Así, tamén cabe salientar os 5,4 millóns de euros que irán destinados á promoción dos produtos galegos de calidade, en liña coa segunda edición da feira Galicia Etiqueta Calidade que se celebrou para evidenciar todo o labor que hai detrás da produción alimentaria galega con calidade diferenciada.
En concreto, estes cartos terán como finalidade aumentar a presenza en feiras, fomentar ciclos curtos de comercialización como o mercado dixital posto en marcha pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, apoiar o labor de promoción dos consellos reguladores de selos de calidade como a denominación de orixe Ribeira Sacra e a realización de campañas.
Así mesmo, cómpre lembrar que se está a tramitar a futura Lei da calidade alimentaria que busca servir de panca para asentar a produción de proximidade, sa, sustentable e de calidade que sempre identifica Galicia no ámbito gastronómico.