A Xunta comunica ao Concello de Vigo que abrirá a nova estación de autobuses o vindeiro 5 de decembro coincidindo coa apertura do túnel de Lepanto e o fin das obras do HALO

A delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, agarda que o Goberno municipal desbloquee os accesos a finais de novembro
 

“Iniciamos o proceso de traslado para a apertura da nova terminal sempre e cando o Concello finalice os seus traballos”, sinalou
 

O oficio remitido desde a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade indica as catro novas paradas que haberá nas rutas ata Urzaiz

Vigo, 10 de novembro de 2022 A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, informou este xoves de que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comunicou de forma oficial ao Concello de Vigo a data de apertura da nova estación de autobuses e as catro novas paradas nos percorridos ata a intermodal de Urzaiz.

 

A representante autonómica explicou que no oficio remitido ao Goberno municipal indícase as novas instalacións estarán preparadas para a súa posta en funcionamento o vindeiro 5 de decembro. Como xa explicara Fernández-Tapias o pasado martes, será necesario que estean acabadas as obras dos apeos do ascensor HALO, que a día de hoxe bloquean os accesos.

 

Iniciamos o proceso de traslado para a apertura da nova terminal sempre e cando o Concello finalice os seus traballos”, apuntou. Ademais, explicou que “a apertura da estación no centro de Vigo vai a supoñer unha mellora moi importante para os usuarios ao poder desembarcar no centro da cidade e conectar directamente coa terminal de tren”.

 

A nova estación está finalizada desde hai cinco meses, posto que foi entregada o pasado 10 de xuño, tras un investimento de 18 millóns por parte da Xunta. Agora, comeza o proceso para desenvolver os traballos de adaptación dos servizos públicos de transporte regular de viaxeiros por estrada de uso xeral de competencia autonómica.

 

Tal e como explica o oficio remitido ao Concello, no marco destes traballos detectouse a concorrencia de motivos de interese público no establecemento de catro novas paradas en zona urbana do Concello de Vigo: dúas na Avenida Gregorio Espino, unha na Avenida de Madrid e outra na Praza de España.

 

Coordinación coas concesionarias

Fernández-Tapias e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, xa visitaron o pasado martes a novas instalacións e avanzaron que o Goberno galego xa iniciou o proceso de traslado da estación e comezou as reunións coas concesionarias do transporte para coordinar o cambio.

 

A delegada territorial lembrou tamén que desde o Concello de Vigo non responderon a ningunha das cartas enviadas os pasados26 de xuño e 28 de xullo para coñecer as datas nas que acaban as súas obras de accesos, sen os que é imposible abrir a estación. Xa entón a responsable reclamaba que o Goberno local comunicase as datas de fin de obras e os permisos do Ministerio de Transportes, condicións que agora se cumplirían coa apertura do túnel de Lepanto.

 
Tamén explicou que debido ás obras do ascensor HALO será necesario un desvío provisional en entrada e saída de autobuses para evitar as cimentacións provisionais coas que o Concello vai a construír o elevador. A estación de autobuses intermodal de Vigo, que permitirá albergar dous millóns de usuarios ao ano e 500 expedicións de autobuses, será o novo nó de viaxeiros do sur da Comunidade tras un investimento de 18 millóns de euros.

Imaxes relacionadas