Galicia participará na COP27 de Exipto para afondar na súa posición de referencia no eido do cambio climático

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participará a partir de mañá en varios eventos relacionados coa redución das emisións, o papel local e rexional na loita contra este fenómeno e a análise dos resultados dos acordos de Glasgow

Aproveitará o cumio para facer balance e seguimento do primeiro ano da Xunta como membro da Coalición Under2 e expoñer as liñas xerais da futura Lei do clima galega
 

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2022.-

Galicia estará presente na 27ª Conferencia das Nacións Unidas sobre cambio climático (COP27) que se celebra en Exipto co reto de consolidar a súa posición de referencia neste eido e coñecer de primeira man as últimas tendencias e proxectos polos que se está apostando a nivel internacional para reducir as emisións, avanzar na adaptación das rexións a este fenómeno e analizar os resultados do cumio celebrado o ano pasado en Glasgow.

 

A partir de mañá e ata o domingo, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participará nalgún dos principais eventos organizados no marco da COP27, a maior cita anual sobre cambio climático que se celebra a nivel mundial.

 

Cómpre subliñar a gran oportunidade que representa este evento para Galicia non só polo feito de que lle permitirá expoñer o traballo que está a desenvolver neste eido, senón tamén porque será unha ocasión única para coñecer os proxectos doutras rexións punteiras pola súa acción climática, así como a experiencia e a visión de diferentes líderes mundiais sobre cuestións tan importantes como a evolución das emisións de CO2.

 

A COP27 de Exipto, que comezou a pasada fin de semana e rematará o 18 de novembro, permitirá poñer en contacto a gobernos de todo o mundo e abrir un debate enriquecedor sobre os diferentes proxectos, iniciativas e políticas que cada un dos participantes está a promover co obxectivo común de frear o avance e os efectos deste fenómeno global.

 

Neste sentido, a conselleira buscará ideas e sinerxías con outras rexións igualmente comprometidas coa redución dos gases de efecto invernadoiro (GEI) tendo en conta, sobre todo, que a Xunta ultima a súa futura Lei do clima e está aberta a incorporar na mesma aquelas suxestións que se adapten mellor á realidade galega e contribúan a aumentar a resiliencia da Comunidade ao cambio climático e os seus efectos.

 

Ademais, o cumio acollerá varias reunións nas que Ángeles Vázquez coincidirá cos seus socios da Coalición Under2, iniciativa á que a Xunta se sumou precisamente hai un ano, no marco da COP26, co reto de asumir un papel máis activo no mantemento da temperatura global mediante a adopción de medidas para conter o quecemento do planeta.

Imaxes relacionadas