A Xunta incrementará o orzamento de Igualdade nun 41,44 % en 2023 ata chegar aos 44,5 M€ para manter e ampliar os recursos fronte á violencia de xénero

A consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe no Parlamento que o investimento para a Rede de centros de información á muller crecerá un 3%

Crearase con 1,4M€ unha nova liña de axudas para apoiar aos concellos na mellora das infraestruturas e equipamentos dos Centros de Información á Muller (CIM)

Lorenzana sinala como clave intensificar a formación que recibe o persoal traballador destes centros e doutros axentes imprescindibles na detección de casos de violencia de xénero

Afirma que o Goberno galego incluirá en 2023 entre as formas de violencia de xénero a explotación sexual

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2022

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, sinalou hoxe no Parlamento de Galicia que as contas da área de Igualdade para 2023 increméntanse nun 41,44%, ata chegar aos 44,5 millóns de euros, para seguir mantendo, reforzando e ampliando os recursos para facer fronte á violencia de xénero e continuar promovendo a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. Respecto a 2021, o aumento é do 61,27%.

Lorenzana detallou que dos 44,5 millóns, un total de 20,5 millóns, un 14,71% máis que en 2022, investiranse nos recursos, servizos e prestacións que a Xunta pon a disposición das vítimas de violencia de xénero. Entre estes, salientou a Rede de centros de información á muller (CIM) que contará o vindeiro exercicio con 4,1 millóns de euros, un 3% máis que en 2002. Ademais, crearase con 1,4 millóns de euros unha nova liña de axudas para apoiar aos concellos na mellora das infraestruturas e equipamentos dos CIM. Na actualidade, Galicia conta con 84 Centros de Información á Muller acreditados, que dan servizo a 193 concellos galegos nos que, grazas ao investimento autonómico e a xestión municipal, atendéronse no que vai de ano a 10.297 mulleres.

A conselleira de Igualdade, ademais, puxo en valor o IV Plan autonómico de formación dos centros de información á muller no que se incluíu por primeira vez este ano un módulo específico para abordar a interseccionalidade de xénero, un concepto vinculado coa discriminación múltiple, apuntando a importancia desta iniciativa, ao tempo que destacou que é clave a mellora e actualización da formación de todos os axentes que participan na detección de casos de violencia de xénero e prestan atención ás vítimas. Así, Lorenzana indicou que a Xunta traballa para seguir implantando “tan necesaria formación nos distintos plans de cualificación a colectivos profesionais deste ámbito e que serán artellados en colaboración con outros departamentos autonómicos”. Anunciou, ademais, como novidade, que se publicará unha guía que unificará todos os recursos en materia de igualdade das diferentes administracións públicas.

A titular de Promoción do Emprego e Igualdade, así mesmo, referiuse a outros programas de axudas da Xunta para apoiar aos concellos na loita contra a violencia de xénero, como os apoios á promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero ou o programa para impulsar a contratación das vítimas na Administración local e tamén en entidades sen ánimo de lucro. Ademais, a Xunta conta con programas específicos de atención a mulleres con discapacidade ou mulleres migrantes e desenvolve accións de sensibilización contra esta lacra social no medio rural, ámbito deportivo, educativo e universitario.

Explotación sexual

A conselleira avanzou tamén que a Lei de medidas fiscais e administrativas (a Lei de acompañamento) modificará a normativa autonómica para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero co fin de incluír entre as formas de violencia de xénero a explotación sexual e avanzou as novas accións de formación especializada que se impartirán en materia de prevención e detección da explotación sexual en menores para profesionais pertencentes ao Sistema de protección de menores, aos servizos sociais e a recursos de apoio á infancia.

 

Referiuse ademais á preocupación da Xunta pola violencia sexual, sobre todo entre a mocidade, e indicou que o vindeiro luns terá lugar a IV xornada de sensibilización e prevención da violencia sexual na mocidade, realizada en colaboración coas tres universidades galegas e que contará coa presenza de profesores do ámbito nacional e internacional procedentes das universidades de Nottingham Trent, en Reino Unido, e de Columbia, California e Tulane, en Estados Unidos.

 

Lembrou, por último, que en 2021 xa se tipificou na Lei como violencia de xénero a violencia dixital e vicaria e en 2022 aprobáronse estratexias marco para afondar na garantía da igualdade e non discriminación e fortalecer os recursos para as vítimas como son o VIII Plan estratéxico de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027 ou o Plan galego contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual 2022-2024. “Galicia di NON á violencia de xénero e non tolera ningún tipo de violencia contra as mulleres, é un asunto do Estado no que non cesamos nin un intre en deseñar e poñer en marcha medidas para garantir a igualdade entre mulleres e homes e loitar contra esta lacra social”, concluíu.

Imaxes relacionadas