A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou hoxe as actuacións levadas a cabo no concello de Begonte

A Xunta concede 800.000 € en axudas a 42 concellos para mellorar a imaxe exterior e os impactos paisaxísticos en edificios e equipamentos municipais

Ángeles Vázquez lembra que esta liña de subvencións se convocou inicialmente cun orzamento de 600.000 euros, pero que “dada a boa acollida das axudas” se ampliou en 200.000 euros máis para levar a cabo 53 actuacións


No Concello de Begonte actuouse na antiga escola municipal e nunha fonte de pedra catalogada e na súa contorna
 

Begonte (Lugo), 9 de novembro de 2022

  A Xunta de Galicia concedeu 800.000 euros en axudas a 42 concellos para mellorar a imaxe exterior e os impactos paisaxísticos en edificios e equipamentos municipais, tal e como explicou hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.

 

Durante unha visita ás actuacións levadas a cabo no concello de Begonte, no que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, a conselleira lembrou que esta liña de subvencións se convocou inicialmente cun orzamento de 600.000 euros, pero que “dada a boa acollida das axudas” se ampliou en 200.000 euros máis para levar a cabo 53 actuacións. De feito, segundo aseverou Ángeles Vázquez, non se puideron atender máis peticións porque o crédito esgotouse o mesmo día de apertura do prazo para a presentación de solicitudes.

 

No que respecta á distribución das axudas por provincias, 9 concellos coruñeses recibiron algo máis de 225.000 euros; en Lugo, concedéronse case 240.000 euros para actuacións en 16 municipios; 15 localidades ourensás contaron con preto de 300.000 euros, e en Pontevedra 2 concellos contaron cun financiamento de 36.000 euros.

 

A contía máxima de axuda fixouse no 70% do orzamento do investimento subvencionable cun límite máximo de 40.000 euros por concello -5.000 euros máis que na anterior convocatoria.

 

Dúas liñas de axudas

Cómpre salientar que estas subvencións contan con dúas liñas de axudas. Na Liña I actuase en edificios ou dependencias destinados á prestación de servizos municipais financiando a renovación do acabado exterior das fachadas, o remate ou renovación do acabado exterior das cubertas, e o revestimento ou renovación de muros de cerramento de predios.

 

Na Liña II fináncianse tanto actuacións de índole menor -fontes, lavadoiros, palcos de música e hórreos- como melloras noutras construcións ou instalacións de titularidade municipal destinadas a outros equipamentos de servizos públicos.

 

Na convocatoria deste ano, realizáronse unha serie de modificacións para a mellor cobertura dos distintos tipos de actuacións. Así, incluíronse construcións de titularidades municipal destinadas a servizos urbanos ou equipamentos deportivos e, ademais, adiantouse o prazo de presentación de solicitudes ao mes de xaneiro para facilitar a tramitación aos concellos e o correcto desenvolvemento dos proxectos.

 

Actuacións en Begonte

No caso concreto do Concello de Begonte, leváronse a cabo un par de actuacións ao abeiro das dúas liñas de financiamento. Por unha banda, tal e como explicou a conselleira, restaurouse a antiga escola municipal coa limpeza de fachadas, a instalación dun revestimento tipo SATE e de pezas de remate nas carpinterías, a substitución de baixantes existentes por outras de aluminio lacado e o revestimento da escaleira con morteiro e cun pavimento de gres.

 

E, por outra banda, actuouse nunha fonte de pedra catalogada e na súa contorna. Neste caso construíuse una nova soleira para solventar o desnivel existente e revestiuse con pezas de pedra as pías da fonte e do lavadoiro anexo.

 

Para concluír, Ángeles Vázquez ratificou o compromiso do Goberno galego con esta “medida pioneira” e en 2023 convocarase a terceira convocatoria desta liña de subvencións tanto para entidades municipais como para particulares cun orzamento de 2 millóns de euros. Esta aposta polo fermosismo tamén se ve reflectida na partida orzamentaria de 5,5 millóns de euros cos que contará o Instituto de Estudos do Territorio (IET).

Imaxes relacionadas