A Xunta adxudica por máis de 826.000€ a primeira fase do acondicionamento da estrada Pontevedra-Marín, na zona de Estribela

O obxectivo é que a PO-546 en Estribela sexa máis segura para os peóns, levando a cabo unha transformación integral nun treito de 500 metros

Ampliaranse as beirarrúas, habilitaranse 3 pasos de peóns sobreelevados con iluminación específica e sistema intelixente de detección e melloraranse as paradas de autobús con novos refuxios

A intervención é a 1ª fase dun proxecto máis amplo no que a Xunta investirá 7 M€ e que continuará na zona entre Mollabao e Os Praceres e nun novo treito entre Estribela e Marín, ademais de na zona pendente da rúa Concepción Arenal deste municipio
 

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2022.-

A Xunta vén de adxudicar por máis de 826.000 euros a primeira fase do acondicionamento da estrada PO-546, Pontevedra-Marín, na zona de Estribela.

A actuación, que foi adxudicada á empresa Oresa Construcción y Servicios Globales, S.L., ten un prazo de execución de 12 meses.

O obxectivo das actuacións é garantir desprazamentos sen riscos na zona e que os peóns gañen máis protagonismo fronte ao vehículo, mellorando a súa seguridade.

Para iso, a Xunta acometerá unha transformación integral da estrada nesta contorna, coa reurbanización dun treito de 500 metros, no que se modificará a sección transversal para poder ampliar as beirarrúas e dotalas dun ancho mínimo de 2 metros, de forma que se favorezan os desprazamentos a pé e se asegure a accesibilidade.

Ademais, para conseguir o calmado de tráfico e reforzar a seguridade viaria, instalaranse tres pasos de peóns sobreelevados que contarán con iluminación específica e cun sistema intelixente que detecte ao peón nas inmediacións e active a sinalización.

Tamén se mellorarán as paradas de autobús, coa disposición de novos refuxios e renovarase a iluminación da vía, ademais do fresado e estendido dunha nova capa de firme, a reposición da drenaxe e dos servizos afectados e a sinalización horizontal e vertical.

Esta intervención contará con fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia do programa Next Generation UE de mobilidade sostible.

A actuación forma parte dun proxecto máis amplo, unha intervención no conxunto da vía coa que a Xunta busca promover unha mobilidade máis saudable, sostible e segura, tanto a pé como en bicicleta.

En total, a Xunta investirá 7 millóns de euros para a transformación da PO-546, que continuará entre Mollabao e Os Praceres e seguirá cun novo treito entre Estribela e o límite con Marín, ademais da zona pendente de mellora da rúa Concepción Arenal, tamén en Marín.