O Concello de Coristanco trasládalle á Xunta o seu interese en adherirse á Rede de Concellos Emprendedores de Galicia
O delegado da Xunta na Coruña e o secretario xeral técnico da Consellería de Economía, Industria e Innovación explicaron os beneficios da nova Lei de áreas empresariais
Coristanco (A Coruña), 9 de novembro de 2022 O Municipio de Coristanco amosou o seu interese en adherirse á rede de Concellos Emprendedores da Xunta. Así llo trasladou o seu rexedor, Juan Carlos Garcia, ao delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o secretario xeral técnico da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, Pablo Casal, na reunión que mantiveron para abordar cuestións importantes para esta localidade, entre a que tamén se atopa a posta en marcha do novo polígono industrial neste municipio.
Trenor recalcou que nestes momentos na provincia da Coruña hai 45 concellos emprendendores e puntualizou que coa nova Lei de áreas empresariais de Galicia refórzase e elévase a rango de lei a figura dos Concellos Emprendedores.
Nova Lei de áreas empresariais
No encontro tamén se abordaron os avances que supón a nova Lei de áreas empresariais de Galicia, pioneira a nivel estatal, que permite axilizar, simplificar e flexibilizar a planificación e creación de solo industrial. Esta nova normativa entra en vigor mañá xoves, 10 de novembro.