A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, firmou hoxe coa alcaldesa de Riós, Eva María Barrio, este acordo

A Xunta asina a colaboración co concello de Riós para a renovación e mellora do abastecemento e do saneamento no núcleo do Navallo cun investimento de máis de 405.000 €

O Goberno galego prevé licitar as obras antes de que remate o ano para poder executalas durante o vindeiro ano 2023

A Xunta achegará máis de 325.000 € e executará os traballos, mentres que o Concello de Riós contribuirá coa cantidade restante, algo máis de 80.000 €

O obxectivo é dotar a parroquia de San Vicente do Navallo duns servizos de saneamento e abastecemento que respondan ás necesidades dos veciños

O Executivo autonómico segue prestando apoio técnico e financeiro aos concellos nas súas responsabilidades municipais de saneamento e depuración
 

Ourense, 9 de novembro de 2022.-

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou hoxe coa alcaldesa de Riós, Eva María Barrio, o convenio de colaboración para a renovación e mellora dos sistemas de abastecemento e saneamento no núcleo do Navallo, que suporá un investimento de máis de 405.000 euros.

 

A Xunta, unha vez asinado hoxe o convenio, prevé avanzar nos trámites para licitar as obras antes de que remate o ano para poder executalas durante o vindeiro ano 2023.

 

O Goberno galego achegará máis de 325.000 euros para a financiación dos traballos e o Concello de Riós contribuirá co financiamento restante, con algo máis de 80.000 euros.

 

Augas de Galicia será a encargada da execución das obras e ao municipio corresponderanlle a recepción, mantemento e conservación das actuacións acometidas.

 

Este núcleo de poboación da parroquia de San Vicente do Navallo dispón actualmente dunha rede de abastecemento de auga potable e dunha rede separativa de saneamento de augas residuais, na súa maior parte, con canalizacións instaladas hai máis de 30 anos.

 

A nova rede de saneamento de augas residuais que se vai executar ao abeiro desta colaboración entre Xunta e Concello será de tipo separativo, por gravidade, e inclúe a execución de 4 colectores, 9 ramais e 59 pozos de rexistro. A mellora proxectada supón unha lonxitude total de 1.442 metros para dar servizo a un total de 66 vivendas. 

 

A obra da mellora da rede de abastecemento partirá do depósito regulador actual para dar servizo a 76 vivendas mediante unha rede de distribución ramificada, polas características do viario do núcleo, con zonas de deseño mallado onde é posible. A lonxitude total da mellora da rede proxectada é de algo máis de 2.000 metros.

 

O Goberno galego mantén o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que estes poidan prestar de xeito eficaz as súas responsabilidades nos servizos municipais de saneamento, depuración e abastecemento e  continuar mellorando a calidade de vida da poboación no rural.

Imaxes relacionadas