O presidente da Xunta interveu no Parlamento de Galicia para falar das principais medidas dos Orzamentos de 2023
Rueda anuncia unha bonificación para o vindeiro ano do 15% do recibo de Sogama a todos os concellos que implanten o contedor marrón antes de que remate 2023
Esta medida deberá repercutir nunha baixada da factura que recibe a veciñanza
O mandatario galego adianta que se dirixirá ao ministro Escrivá para demandarlle que axilice o cobro do Ingreso Mínimo Vital, xa que denuncia que unha de cada tres persoas non o está a recibir por “problemas burocráticos” do Goberno central
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, anunciou hoxe no Parlamento de Galicia que o Goberno autonómico introducirá o vindeiro ano unha bonificación do 15% no recibo de Sogama a todos os concellos que se comprometan, antes de que remate 2023, a implantar o quinto contedor -o marrón- para seguir separando residuos.
Ademais, salientou que os mil millóns de euros máis dos Orzamentos de 2023 tamén irán dirixidos a loitar contra a inflación para axudar a familias, empresas e autónomos e facer fronte ao actual escenario enerxético; a consolidar a promoción de Galicia “que tamén xera riqueza, como o exitoso Xacobeo”; e para axudar os sectores produtivos. “Son cartos ben medidos e ben pensados para facer fronte a un escenario complicado”, argumentou o presidente da Xunta.
Petición directa a Escrivá sobre o IMV
O titular do Executivo galego tamén adiantou que se vai dirixir ao ministro de Inclusión, Seguridad Social y Migraciones, José Luís Escrivá, para demandarlle que axilice o cobro do Ingreso Mínimo Vital (IMV), xa que denunciou que “non é de recibo que unha tres persoas que o debería estar cobrando non o fagan por problemas burocráticos do Goberno central”.