A Xunta remata a modernización dos centros educativos públicos da Estrada con 1,2 M€ e avanza na ampliación do IES Losada Diéguez por 3 M€

O delegado territorial en Pontevedra, Luis López, informou dos investimentos globais en colexios e institutos do concello na visita final de supervisión á rehabilitación integral e enerxética do CEIP de Figueroa xunto ao alcalde estradense, José López


A Consellería de Educación tamén rematou entre o verán e o outono diversas melloras nos IES Manuel García Barros e Número 1, centradas na substitución de luminarias; no CEIP Cabada Vázquez coa susbstitución de carpintarias; e no instituto de FP cun novo módulo exterior
 

 “A aposta polas infraestruturas educativas na Estrada é un feito e algo necesario tanto polo volume de alumnado e a calidade do ensino como pola boa colaboración co Concello, que afronta cada ano de xeito puntual os labores de mantemento que lle corresponden e outras obras, polo que creo que temos unha coordinación engraxada e exemplar”, sinalou o representante
 

A Estrada, 9 de novembro de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade, vén de rematar co proceso de modernización dos centros educativos públicos do Concello da Estrada tras investir case 1,2 millóns de euros ao longo deste ano e xa traballa no vindeiro gran proxecto nesta área para o municipio, orientado á ampliación e creación de novos talleres de FP no IES Losada Diéguez cun orzamento de 3 millóns de euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou do estado dos investimentos educativos globais realizados nos colexios e institutos do municipio estradense na visita final de supervisión ás obras de rehabilitación integral e enerxética do CEIP de Figueroa, onde estivo acompañado polo xefe territorial de Educación, César Pérez, o alcalde, José López, e outros representantes municipais e educativos.

A rehabilitación integral e enerxética do CEIP de Figueroa que se realizou ao longo deste ano supuxo un investimento da Xunta de 838.000 euros, que se destinaron á substitución das fiestras, a mellora das cubertas e das fachadas, a instalación de falsos teitos, a renovación dos sistemas de iluminación e á dotación de illamento térmico co obxectivo de outorgar unha maior confortabilidade e eficiencia a estas instalacións.

Deste xeito, culminouse a modernización deste colexio público despois de que a Consellería de Educación investirá 222.000 euros na última década en actuacións no comedor, a cuberta ou o sistema eléctrico e de que se realizaran outras obras menores a cargo do Concello da Estrada no que corresponde ao seu mantemento.

Ademais desta actuación, o departamento autonómico que dirixe Román Rodríguez tamén rematou, entre o verán e o presente outono, a substitución de luminarias no IES Manuel García Barros (81.000 euros) e no IES Número 1 (56.000 euros), a renovación de todas as carpintarías exteriores do CEIP Cabada Vázquez de Codeseda (143.000 euros) e a instalación dun módulo exterior para aulas e outras obras no IES Losada Diéguez (63.000 euros).

“O resultado da mellora global dun centro tan importante e que ten centos de alumnos como o de Figueroa é magnífico e vén a completar a modernización da práctica totalidade dos colexios e institutos da Estrada, xunto coas demais obras realizadas este ano, e demostra que a aposta da Xunta polas infraestruturas educativas da Estrada é un feito e algo necesario tanto polo volume de alumnado como pola calidade do ensino”, sinalou o representante autonómico.

Luis López indicou que a realización destes investimentos é merecida, necesaria e fácil de levar a cabo “cando se trata dun Concello como o da Estrada co que hai un gran clima de colaboración, porque sempre actúa con sensatez nas súas peticións e afronta cada ano de xeito puntual os labores de mantemento que lle corresponden e outras obras, investindo decenas de miles de euros nos centros públicos, polo que temos unha coordinación engraxada e exemplar”.

Finalmente, o delegado territorial anunciou que a Consellería de Educación está a traballar na actualidade na fase administrativa para a próxima licitación da obra de ampliación do IES Losada Diéguez orientada á creación de novos e modernos talleres para a Formación Profesional, unha actuación que comezará o vindeiro ano e que conta cunha partida específica de 3 millóns de euros no proxecto dos Orzamentos da Xunta para 2023.

“Rematamos coa posta a punto de todos os centros deste concello, pero seguimos totalmente implicados co ensino e estamos a avanzar a gran velocidade nun proxecto tan ilusionante como o do Losada Diéguez, que vai ter un investimento moi potente e que vai a marcar un antes e un despois na FP da Estrada e do norte da provincia”, concluíu o representante autonómico.

Imaxes relacionadas