A Xunta abre o prazo para a integración do corpo de profesores técnicos de Formación Profesional no de ensino secundario

A presentación de solicitudes estará aberta desde mañá ata o 9 de decembro
 

A nova lei educativa LOMLOE declarou a extinguir o corpo de profesores técnicos de FP, un erro que o Goberno central está a corrixir coa nova lei de FP
 

Estímase que a medida afectará a entre 1.200 e 1.500 profesionais
 

A Xunta asume en solitario o incremento da masa salarial dada a ausencia de achegas por parte do Ministerio

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2022 A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a orde pola que se convoca o procedemento para que o profesorado técnico de FP, cuxa extinción determina a nova lei educativa LOMLOE, se integre no de profesores de ensino secundario. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde mañá ata o 9 de decembro de 2022, ambos días incluídos.

 

Para facer efectiva a integración, os solicitantes deberán ser persoal funcionario de carreira do corpo de profesores técnicos de Formación Profesional, ser titulares da especialidade na que se solicita a integración, ter destino definitivo ou encontrarse en expectativa de destino en Galicia e estar en situación de servizo activo, de servizos especiais ou en diferentes casos de excedencia (por coidado de familiares, por razón de violencia de xénero ou por razón de violencia terrorista), sempre que tivera o seu último destino en servizo activo na Comunidade Autónoma de Galicia.

 

Ademais, deberán posuír, ou estar en condicións de obter antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes, unha das seguintes titulacións: grao, doutorado, licenciatura, enxeñaría, arquitectura ou equivalente a efectos de acceso á función pública docente, diplomatura universitaria, enxeñaría técnica ou arquitectura técnica.

 

A partir da presentación da documentación, a Consellería analizará e comprobará a documentación e proporá a listaxe de persoas para a súa integración. Aquelas que non acaden a integración por non cumprir cos requerimentos da convocatoria continuarán no corpo, a extinguir, de profesores técnicos de FP.

 

Cómpre lembrar que a nova lei educativa LOMLOE declarou a extinguir dito corpo de profesores técnicos de FP. Segundo o establecido na Lei de FP, parte das especialidades deste corpo integraranse no profesores de ensino secundario, mentres que o resto pasarán a un de nova creación, o de profesores especialistas en sectores singulares de FP.

 
Este paso dun corpo a outro, que afectará a entre 1.200 e 1.500 profesionais, suporá en Galicia un incremento da masa salarial en, aproximadamente, 3,5M€ ao ano, a maiores dos 5,5M€ en concepto de atrasos, cantidades que serán asumidas de xeito íntegro pola Xunta de Galicia, dada a negativa do Ministerio de Educación a achegar fondos, tal e como corroborou a ministra na Conferencia Sectorial celebrada a pasada semana.

Imaxes relacionadas